Cores, San Martiño de
Igrexa parroquial situada en Ponteceso. Conserva restos prerrománicos e románicos, como un sartego antropomorfo cunha parte da tapa, na que se distinguen dúas liñas que parten das esquinas e avanzan cara ao centro, ao modo das laudas de estola; de aí que se poida relacionar cunha necrópole sueva ou posterior. Incrustado no testeiro da ábsida, aparece un pequeno relevo de talla en reserva no que se representa unha faciana antropomorfa de trazos moi sumarios semellante ás pezas hispanovisigodas ou asturianas. O muro sur da igrexa, que pertenceu a un edificio románico, conserva dúas estreitas fiestras de medio punto, con derramo interior, e unha porta de mediados do s XII. No interior ten remate semicircular e por fóra está coroada por un arco de medio punto que se apoia en dúas columnas con fustes lisos, capiteis cubertos con follas rematadas en punta e cun dos colariños en forma de soga, e bases de perfil ático. O tímpano é liso e está sostido por machetas adornadas con figuras de carneiros.