Corneille, Pierre

Corneille, Pierre

Autor dramático francés. Formouse no colexio dos xesuítas de Rouen, onde naceu a súa vocación de dramaturgo, dada a importancia que a Compañía de Xesús daba daquela ás representacións teatrais como sustento da fe e transmisión do dogma. Estudiou dereito e desempeñou diversos cargos oficiais relacionados coa avogacía, ao tempo que desenvolvía a súa carreira literaria; chegou a ser contratado polo cardeal Richelieu como dramaturgo oficial da corte, posto que tivo que abandonar trala estrea de Le Cid (O Cid), pois o texto non aceptaba o canon clásico imposto polos dramaturgos da corte. En 1647 ingresou na Academia e en 1662 instalouse definitivamente en París, onde mantivo unha longa competencia con Racine, outro dos grandes dramaturgos franceses da época. Foi un autor moi prolífico no cultivo de diversos xéneros, aínda que foi na traxedia e na comedia onde acadou os seus maiores éxitos, entre os que destacan as pezas La Veuve (1631-1632), La Galerie du Palais (1632), La Place Royale (1633), Le Cid (1633), Médée (1635), L’Illusion Comique (1636), Horace (1640), Cinna (1640), Polyeute (1942), La Mort de Pompée (1643), Le Menteur (1643), Nicomède (1651), Oedipe (1659), Attila (1667) ou Tite et Bérénice (1670). A súa obra adquiriu así unha considerable variedade nas temáticas, nos xéneros e nos aspectos estilísticos, a pesar de que Corneille foi un dos autores que máis contribuíu ao desenvolvemento do clasicismo francés, que destacaba pola dimensión retórica, pola separación tallante entre comedia e traxedia, polo carácter heroico dos mundos reflectidos e polo respecto ás preceptivas clásicas, concretamente á regra das tres unidades: tempo, lugar e acción. En 1660 publicou un Discours sur l’Art Dramatique, que constitúe unha defensa da súa poética dramática e da súa escolla artística.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Rouen

  • Deceso

    Lugar : París