Cornelio/Cornelia
Prenome procedente do latín Cornelius, derivado de cornu ‘corno’, símbolo da abundancia na Antigüidade e do poder máxico de afastar os males. Deu nome á familia romana Cornelia. A esta gens pertencían os Escipións, familia de políticos e militares romanos da época da República. Os membros máis famosos foron Publio Cornelio Escipión o Africano (235-183 a C), conquistador da Hispania meridional e vencedor de Aníbal en Zama (202 a C), e Publio Cornelio Escipión Emiliano (185-129 a C). Dous santos levan este nome: o papa (251-253) e mártir, e o centurión que chegou a ser o primeiro bispo de Cesarea. Coa forma feminina, a filla menor de Publio Cornelio Escipión o Africano e nai dos Gracos (? 189? - 110? a C), a filla de Publio Cornelio Escipión (s I a C) e a esposa de Xulio César (83 a C), entre outras. Houbo unha santa Cornelia (s III), mártir en África xunto con san Fiz.