Cornide Saavedra Folgueira, Xosé Andrés

Cornide Saavedra Folgueira, Xosé Andrés

Historiador, naturalista, economista, político e poeta ilustrado. Membro dunha familia fidalga, non seguiu as directrices paternas de realizar estudios de dereito e dedicouse á investigación histórica. De formación autodidacta asentada solidamente nas humanidades, é o prototipo de home ilustrado e polifacético e, xunto con Sarmiento, Feijoo e Sobreira, unha das figuras máis sobresaíntes do s XVIII en Galicia. Como escritor, a súa cultura enciclopédica e a súa curiosidade levárono a tratar numerosos temas que responden aos principais focos de interese da Ilustración, dende a xeografía e a historia ata a economía e as ciencias naturais, pasando polo dereito, a lingua e a educación. En 1755 presentou o traballo “Disertación geográfica histórica sobre cuál hubiese sido el antiguo asiento de la ciudad Límica o Lémica, señalada por patria de Idacio en el prólogo de su Cronicón” á Academia de Historia, que o nomeou membro de mérito. Dende esa data e ata 1802 desempeñou diversos cargos na Academia. Compaxinou o seu labor investigador coa vida pública, ao tempo que tivo unha actuación destacable como fundador e dinamizador de diversas entidades de carácter benéfico, socioeconómico e cultural. Foi rexedor bienal da Coruña (1763-1764), capitán da milicia urbana da mesma cidade (1764), rexedor perpetuo de Santiago (1766) e deputado do Reino de Galicia nas Xuntas do Reino (1769 e 1781). Exerceu así mesmo os cargos de vogal e tesoureiro do Hospicio da Coruña (1769-1779), e en 1782, a proposta de todas as cidades galegas, o rei nomeouno vogal da Xunta Nacional de Camiños creada con esa data na Coruña. Foi un dos fundadores da Academia de Agricultura de Galicia (1765), da que resultou elixido secretario en 1770, dedicada ao estudo da situación da agricultura galega; da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1784) e da Real Sociedad Económica de Lugo (1785); codirector do Montepío de Pescadores del Reino de Galicia (1775), por nomeamento real; consiliario do Real Consulado Marítimo y Terrestre da Coruña, do que promovera a fundación (1787); e individuo de mérito da Real Sociedade Vascongada (1777). En 1789 trasladouse a Madrid e ocupou diferentes postos na Real Academia de la Historia: en 1792 foi nomeado académico numerario e en 1793 revisor xeral, feito que o levou a realizar diferentes viaxes científicas por encargo da Academia, como a que fixo a Portugal en 1789 para copiar un códice de Las Partidas; en 1802 foi elixido secretario perpetuo da entidade. Entre os seus traballos de carácter xeográfico destacan Las Casitérides o islas del estaño restituidas a los mares de Galicia. Disertación crítica en que se procura probar que estas islas no son las Sorlingas como pretende en su Britania Guillermo Cambden, y sí las de la costa occidental del Reino de Galicia (1790), Mapa corográfico de la antigua Galicia, arreglado a las descripciones de los geógrafos griegos y romanos con una lista de la correspondencia de los nombres antiguos a los modernos (1790), Ensayo de una descripción física de España (1803) e Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal. Hecha en el año de 1764 (1991). Dentro da investigación histórica poden situarse os materiais que, entre 1762 e 1765, enviou a Enrique Flórez, coa realización dun plano da torre de Hércules e dos mapas das dioceses de Mondoñedo, Ourense e Tui, entre outros temas, e que aquel incluíu nos volumes XVII, XVIII e XIX da súa España Sagrada, así como Estado de Portugal en el año 1800, publicada en Madrid entre 1893 e 1897. Froito do seu interese pola historia antiga e a arqueoloxía, destaca a primeira monografía que existe sobre a torre de Hércules, da que el impulsou a restauración: Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la Torre llamada de Hércules situada a la entrada del Puerto de La Coruña (1792). Ao mesmo campo pertencen a continuación da Noticia de las ruinas de Talavera la Vieja de Ignacio Hermosilla y Sandoval, recollida no tomo I das Memorias de la Real Academia de la Historia (1796) e a Noticia de las antigüedades de Cabeza del Griego, reconocidas de órden de la Real Academia de la Historia (tomo III das Memorias, 1799). Tamén se interesou pola historia medieval e a edición de fontes documentais, con obras como Crónica de San Luis, rey de Francia, nieto del rey D. Alfonso VIII de Castilla, compuesta en francés por el señor Joinville, traducida al castellano y dirigida a la majestad de la reina Dª Isabel, mujer del Sr. D. Felipe II, por Jacques Ledel, su vasallo y criado, impresa en Toledo por Francisco de Guzmán, en el año 1567, y ahora nuevamente publicada, con un discurso preliminar y varias notas y apéndices que contribuyen a ilustrar la vida del Santo (1794). No eido da historia natural destacan os traballos Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia (1774), na que, sen unha bibliografía previa, describe a costa galega e setenta especies de peixes, indica os seus usos e localización e repara nos xeitos de pesca e nos nomes das especies; Ensayo para una historia de los peces y otras produciones marítimas de las costas de Galicia, arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo (1788), considerado o primeiro tratado descritivo xeral da zooloxía mariña en España; e Ensayo sobre el origen, progreso y estado de la Historia Natural entre los antiguos anteriores a Plinio (1791). Realizou tamén estudios sobre xudicatura, como Papel jurídico dirigido a manifestar el derecho de don Pedro Sánchez de Boado en el pleito con don José Bolaño, don Luís Saavedra y consortes, sobre la sucesión de la mejora en terzo y quinto vinculada que por su testamento fundó Gómez de Ventosa y restitución de los bienes por ella señalados (1763). Tanto no campo da xeografía coma no da historia, a minería, a pesca e a educación, moitos dos seus traballos permanecen inéditos e manuscritos como “Artículos del Dicionario geográfico de Galicia”, “De los primeros pobladores de Galicia”, “Descripción de la costa de tres conventos jurídicos (de Galicia)”, “Memoria en que se procura investigar el verdadero sitio de la villa celenense”, “De los límites en general de la provincia de Galicia, según sus demarcaciones naturales y civiles, y de los que tenían entre sí sus conventos jurídicos o chancellerías”, “Memoria sobre las minas de Galicia y otras produciones del reino mineral”, “Noticias de las minas de estaño de Monterrey en Galicia”, “Comentario al Itinerario de Antonino”, “Informe dado a la Sociedad Compostelana sobre el uso de jábega”, “Memoria sobre la Orchilla de la costa de Galicia”, “Informe al Excmo. Sr. D. Francisco de Saavedra, sobre las enseñanzas que podrían fomentarse en la ciudad de Santiago” e “Informe para el establecimiento de una biblioteca pública en La Coruña”. Non deixou de prestar atención á lingua galega, como demostra o Catálogo de palabras gallegas, glosario galego-castelán dado a coñecer por Martínez Barbeito. Tamén foi poeta, maioritariamente en castelán, aínda que compuxo tres pezas en galego: a máis longa é unha composición en dezasete décimas na que describe a representación dunha comedia en Sada; outra, unha décima satírica na que se mofa dun tal Salgado; e a terceira, un soneto titulado “A Filida”. Estas pezas publicounas Manuel Murguía cando era director do Arquivo do Reino de Galicia.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Madrid