Cornoces, San Martiño de
Igrexa parroquial situada en Amoeiro. De estilo románico, construíuse baixo o padroado de dona Urraca Fernández. O bispo de Ourense don Afonso consagrouna o 16 de abril de 1200, segundo a inscrición que flanquea a porta meridional do templo. Trátase dun edificio de pequenas dimensións, de planta única, con cuberta de madeira a dúas augas e ábsida rectangular cuberta con bóveda de canón. O arco triunfal é apuntado e apóiase en dúas columnas con bases decoradas con talos e capiteis con lazos rematados en volutas. O seu aspecto exterior destaca pola sobriedade só alterada pola decoración de canzorros. Cómpre salientar a portada occidental, co arco maior, os capiteis e a chambrana decorados con motivos xeométricos. Sobre o lintel aparece unha figura erguida, flanqueada por dúas grandes pinas, vestida con túnica ata os pés, e que sostén entre as súas mans unha cartela estendida na que se vislumbran algunhas letras. Contorneando o semicírculo do tímpano esculpiuse un festón de arquiños de medio punto.