Coromines i Montanya, Pere

Coromines i Montanya, Pere

Escritor, economista e político. Trala súa militancia no partido republicano de Salmerón, foi acusado de participar nos atentados cometidos polos anarquistas durante o ano 1896 en Barcelona. Despois de pasar uns anos en Madrid, regresou a Catalu-nya en 1903 como líder dos catalanistas republicanos. Foi un dos fundadores do Institut d’Estudis Catalans (1907), centro no que presidiu a sección de ciencias. En 1909 foi nomeado presidente da Unión Federal Nacionalista Republicana e director de El Poble Català. A partir dese momento incrementou a súa actividade política: foi rexedor do concello de Barcelona en 1909, deputado a Cortes en 1910 e 1914 e, aínda que abandonou a política en 1916 tralo fracaso do Pacto de Sant Gervasi (1914), tomou parte activa na campaña pola autonomía de Catalunya en 1918. En 1931, trala instauración da República, volveu á política como membro da comisión redactora do Estatut d’Autonomia. Foi conselleiro de Xustiza e Dereito da Generalitat en 1933 e deputado a Cortes por Esquerra Republicana en 1936. En 1939, ao finalizar a Guerra Civil, trasladouse a Bos Aires. Colaborador en diversas revistas (Ciencia Social ou España Nueva), publicou, entre outras obras, Les hores d’amor serenes (As horas de amor serenas, 1912), Elogi de la civilització catalana (Eloxio da civilización catalana, 1921) e, postumamente, El perfecte dandi i altres contes (O perfecto dandi e outros contos, 1940).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona

  • Deceso

    Lugar : Bos Aires