Coromines i Vigneaux, Joan

Coromines i Vigneaux, Joan

Lingüista, fillo de Pere Coromines i Montanya. Estudiou na facultade de Filosofía e Letras de Barcelona, nos Estudis Universitaris Catalans e na Fundació Bernat Metge. Completou a súa formación en Montpellier (1927) con Maurice Grammont e Georges Millardet; en Madrid (1928) con Menéndez Pidal e Américo Castro; en Zúric (1929) con Louis Gauchat, Arnald Steiger e Jakob Jud; e en París (1930) con Oscar Bloc, Mario Roques e Antoine Meillet. Doutorouse en Madrid cun traballo sobre Vocabulario aranés (1931). Pompeu Fabra introduciuno (1930) nos traballos de lexicografía do Institut d’Estudis Catalans, centro do que pasou a ser membro a partir de 1950. Foi profesor de filoloxía románica na Universitat de Barcelona ata 1939, ano en que se exiliou. Estableceuse primeiro en París, e pouco despois, en Arxentina. Neste país foi profesor da Universidad de Cuyo (Mendoza) ata 1948, data do seu nomeamento como profesor de filoloxía románica na Universidade de Chicago. Dúas constantes básicas na súa extensa produción son, por un lado, a lexicografía e a etimoloxía e, por outro, a onomástica. Na primeira cómpre destacar o Dicionario crítico etimológico de la lengua castellana (1954-1957), do que se publicou unha segunda edición ampliada (Dicionario crítico etimológico castellano e hispánico, 1980-1991), en colaboración con José A. Pascual; o Dicionari etimològic i complementari de la llengua catalana (1980-1991); Algunes lleis fonètiques catalanes no observades fins ara (1954); e Tractat de gramàtica històrica catalana. En canto á onomástica, nos Estudis de toponímia catalana (1965-1970) cómpre salientar as súas contribucións sobre toponimia prerromana, sobre todo pirenaica. En 1931 iniciou o Onomasticon Cataloniae, obra que deixou acabada en 1994; e colaborou, desde 1933, no nomenclátor de concellos cataláns adoptado pola Generalitat de Catalunya. Ademais, publicou outros moitos traballos sobre o aranés, a dialectoloxía catalá e a gramática histórica catalana. Colaborou no Butlletí de Dialectologia Catalana (1931-1936) e preparou a Miscellània Fabra (1943). Recibiu a Medalla de Ouro da Generalitat (1980), o Premio de Honra Jaume I (1981) e o Premio de Honra das LLetres Catalanes (1984).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona

  • Deceso

    Lugar : Pineda de Mar, Barcelona