Corot, Jean-Baptiste Camille

Corot, Jean-Baptiste Camille

Pintor. Recibiu leccións de Achille-Etna Michallon, quen o introduciu no naturalismo inxenuo. Ao morrer este, ingresou no obradoiro de Victor Bertin, que o instruíu na doutrina pictórica da paisaxe histórica. Esta mestura de idealismo e clasicismo recibiu unha corrente de liberdade cos ensaios do pintor ao aire libre, feito que fixo da súa pintura, especialmente das paisaxes, un preimpresionismo. A súa técnica, baixo unha aparencia tradicional, creou unha atmosfera de luz e claridade. Na súa primeira viaxe a Italia (1825-1828), sen negar a validez da paisaxe histórica, penetrou na paisaxe realista. Nesta primeira estancia realizou, entre outras obras, Le Pont de Narni (A ponte de Narni, 1827) e Forum (Foro, 1826). De regreso a Francia, durante os meses de primavera e verán debuxaba bosquexos ao óleo tomados do natural que logo pintaba no seu estudo no inverno. En 1834 realizou a segunda viaxe a Italia, a onde regresou en 1843. Percorreu Francia e viaxou a Suíza (1842), os Países Baixos (1854) e Londres (1862). Os seus retratos, coma as paisaxes, son realistas. A consagración como pintor chegoulle na exposición universal de París (1855), cando gañou unha medalla e Napoleón III mercoulle Recordo de Marcoussis. Realizou tamén unha serie de estudios femininos que non foron comprendidos na súa época (1865-1872). Entre as súas obras cómpre destacar La cathédrale de Chartres (A catedral de Chartres, 1830), Dianer surprise au bain (Diana sorprendida no baño, 1836), La femme à la perle (A moza da perla) e Intérieur de la cathédrale de Sens (Interior da catedral de Sens, 1874). En 1825 recibiu a segunda medalla do Salon de París. Foi membro (1846) e oficial (1867) da Légion d’honneur.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : París

  • Deceso