Corral Díaz, José

Corral Díaz, José

Pintor. Trasladouse moi novo a Ciudad Real, onde asistiu a clases de debuxo artístico e pintura na Escuela de Artes y Oficios e iniciou a súa formación con Manuel Mendía Santos. Posteriormente, trasladouse a Ourense onde foi profesor de debuxo artístico e figura en xeso, e coordinador e director da Escola Provincial de Artes e Oficios. Viaxou por Colombia e outros países de Hispanoamérica, onde realizou exposicións individuais e participou en mostras colectivas, entre as que destacan oito exposicións en Venezuela (1956-1958), e en Francia, Bélxica e nos Países Baixos. Colaborador en diversos xornais con artigos relacionados co mundo da arte e a filosofía, cultivou a paisaxe, o bodegón e o retrato. Na súa obra están presentes os temas das terras nas que viviu: Aragón, A Mancha e Galicia, en especial Ourense.

A súa obra, de carácter impresionista, caracterízase por un debuxo sólido que se desdebuxa a propósito no momento de colorear; a pincelada é rápida e segura e a paleta é de tonalidades claras.

No ano 1959 o párroco do santuario da Virxe de Fátima de Ourense encargoulle catro murais dedicados á vida da Virxe que, por razóns alleas ao pintor, se substituíron anos despois por mosaicos e dos que se conservan os bosquexos. Entre outras obras realizou os retratos de dezaseis presidentes da Deputacion de Ourense destinados ao salón de sesións (1989-1991).

Aínda que non frecuentou certames nacionais, participou no Primer Salón Anual de Pintura Dr. Cristóbal Mendoza (Venezuela, 1957), onde recibiu o premio popular e o diploma pola obra Viejo coplero. Realizou exposicións nas principais cidades galegas e, entre outras, en Madrid, Barcelona, Zaragoza, València e Santander. Foi galardoado co diploma de mérito da exposición de pintura de Educación y Descanso (Ciudad Real, 1940). A súa obra está presente en museos e coleccións privadas e públicas de España e doutros países.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Clarés de Ribota, Zaragoza

  • Falecemento

    Lugar : Ourense