Corral González, Imeldo
Pintor. Comezou a dedicarse á pintura en Madrid, onde foi copista do Museo del Prado. Dese xeito aprendeu as diversas técnicas pitóricas -óleo, acuarela, debuxo- e as escultóricas. En 1912 participou por vez primeira nunha exposición colectiva organizada polo Centro Gallego de Madrid, con 30 pinturas e 50 apuntamentos. Regresou a Ferrol e comezou a pintar as paisaxes da comarca ferrolá, ao tempo que deu a coñecer a súa obra por Galicia, León, Madrid, Barcelona e Sudamérica. En 1923 tivo lugar na Coruña a súa primeira mostra individual. As súas obras caracterízanse pola limitación dos espacios e pola contraposición dos planos ao tempo que captan o ambiente, a luz e as cores da paisaxe galega, un tanto idealizada. O seu debuxo é firme, feito directamente co pincel, e a mancha de cor enérxica. Das súas numerosas paisaxes pódense destacar Vista de Valdoviño, Paisaxe con ermida e A tarde no val. Cultivou tamén a figuración e realizou autorretratos que raian a caricatura ao esaxerar e crear os seus trazos. Participou nas exposicións rexionais de 1917 e 1926. En 1964 organizouse unha mostra antolóxica da súa obra e en 1989 unha retrospectiva na Coruña. Membro da Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario e membro honorario da Sociedade Artística Ferrolá, recibiu a Medalla ao Mérito Artístico do concello de Ferrol (1976). A súa pintura amósase nos principais museos e coleccións galegas e en museos de Bos Aires e La Habana.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso