Corrales Gutiérrez, José Antonio

Corrales Gutiérrez, José Antonio

Arquitecto. Titulado pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (1948), na que exerceu como profesor, foi un dos renovadores da arquitectura española da segunda metade do s XX grazas á combinación das pautas do estilo internacional e do organicismo. Traballou con Luis Gutiérrez Soto (1946-1949) e con Ramón Vázquez Molezún (1952-1994). Das súas primeiras obras destacan o Poblado de Almendrales (Madrid, 1958), realizado con García de Paredes e Carvajal. En colaboración con Vázquez Molezún realizou, entre outras obras, a residencia infantil de Miraflores de la Sierra (1958), proxectada en colaboración con Alejandro de la Sota, o desaparecido instituto de Herrera de Pisuerga (1952), o pavillón de España na Exposición Universal de Bruxelas (1958), a Casa Huarte (1966), o edificio Bankunion (1975) e o Banco Pastor (1969), todos de Madrid, onde se amosa o organicismo. En Galicia realizou o Polígono de Elviña e a Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña (1983). Recibiu o Premio Nacional de Arquitectura (1958) e, xunto con Vázquez Molezún, a Medalla de Ouro da Arquitectura Española (1992). Ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1999) co discurso “Al hilo de la arquitectura”.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Falecemento

    Lugar : Madrid