Correa, Armando Antonio

Correa, Armando Antonio

Compositor e pianista norteamericano. Coñecido como Chick Corea, está considerado un dos compositores de jazz máis innovadores e influentes do último terzo do s XX. Trasladouse a Nova York, onde coincidiu con figuras do mundo do jazz, como John Coltrane ou Miles Davis. En Boston formou parte da orquestra de Phil Barbozza e, posteriormente, da banda de Mongo Santamaría e do grupo de Willie Bobo. A partir de 1965, colaborou, entre outros, con Herbie Mann, Pete La Roca, Stan Getz, Sarah Vaughan e Miles Davis. Nos anos setenta, xunto con Dave Holland, Barry Altschul e Antony Braxton, creou as formacións Circle e Return to Forever, coa que elaborou unha corrente “electrificada” do jazz, mestura de rock e con raíces na música brasileira, denominada fusión. A finais dos setenta e ao longo dos oitenta compaxinou a súa experiencia en solitario con duetos na compañía de figuras do jazz, como Keith Jarrett, Herbie Hancock ou John McLaughlin; con formacións de músicos, como Joe Henderson, Benny Wallace, Tete Montoliú, Stan Getz, Michael Brecker, Eddie Gómez ou Paco de Lucía; e, xunto con Dave Welck e John Patituci, formou a Elektric Band. Da súa discografía destacan Tones For Joan’s (1966), Sweet Rain (1967), Circle (1971), Light as a Feather (1973), Piano Improvisations, Hymn of the Seventh Galaxy (1973), No Mistery (1975), Musicmagic (1977), The Leprechaun (1976), My Spanish Heart (1976), Return To Forever e Return to the Galaxy. En 1973 foi distinguido como jazzista do ano na revista Down Beat e en 1975 gañou un Premio Grammy.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Chelsea, Massachusetts