Correa, pazo de

Correa, pazo de

Edificación nobre situada en Baiona e construída en 1759. Erixiuna Lourenzo Correa de Araújo ao seu regreso de México, onde ocupara os cargos de alcalde maior de Cuernavaca e administrador xeral da Lid de Gallos. A obra estivo a cargo do mestre Xoán Portela, veciño da Guarda. Caracterízase polos balcóns voados coas varandas de ferro forxado e pola torre situada sobre a cuberta da casa e coroada por pináculos. A solidez e o grosor dos seus muros permitiu que no interior dun deles se abrise a escaleira que ascende á torre. O acceso á terraza realízase polo interior do edificio. No interior destaca o vestíbulo, abovedado e reforzado con arcos cruzados, que lles serve de soporte ás cargas da planta nobre; no centro, un oco rectangular actúa como bufarda. As plantas comunícanse por unha escalinata de pedra. As memorias do fundador mencionan as divisións da planta principal polos seus nomes orixinais: sala de estrado, sala grande, recámara, comedor, sala de labor e oratorio. No exterior destaca a colocación dos brasóns dos Soutomaior, Correa, Acuña e Troncoso de Lira, situados de xeito simétrico á altura da primeira planta. Rehabilitouse para acoller a Casa do Concello de Baiona.