Correo de Lugo, El

Correo de Lugo, El

Publicación de tendencia moderada que apareceu o 20 de maio de 1860, subtitulada como “Periódico de intereses morales y materiales”. Impresa por Manuel Soto Freire, foron os seus directores Xosé María Castro Bolaño e Manuel Vázquez de Parga. Saía cada dez días. Entre os redactores figuraban Nicolás Pardo Pimentel, Pedro Rozzi, Teolindo María Romero, Antonio Castro Martínez e Nicandro García Taboada, entre outros. A primeira época desta publicación chegou ata 1861. A súa segunda época, na que foi case sempre bisemanario, iniciouse o 8 de marzo de 1865 e cesou o 27 de abril do ano seguinte. Nesta etapa modificou o subtítulo inicial polo de “Periódico de interés general”. É posible que tivera unha terceira etapa entre 1877 e 1879 e unha cuarta a partir de 1899. Incluíu as seccións “Artículos de fondo”, “Sueltos”, “Extracto de la Gaceta”, “Despachos telegráficos”, “Variedades”, “Sección mercantil” e “Crónica”. Entre os temas que inseriu destacan as polémicas sobre os foros e a introdución do ferrocarril en Galicia.