corrixidor

corrixidor

(< corrixir)

s m [HIST]

Axente político da monarquía castelá. Comezou o seu nomeamento en 1348, no reinado de Afonso XI, e consolidouse durante a Baixa Idade Media. Os Reis Católicos xeneralizaron esta institución cara ao 1480 e regulárona extensamente nunha pragmática de 1500. A súa autoridade, limitada nun principio a unha cidade ou vila, estendeuse a unha área máis grande, que incluía varias poboacións. Designado pola monarquía, velaba pola orde pública, exercía a autoridade xudicial de primeira instancia e interviña, de maneira crecente, en cuestións fiscais. No s XVIII, coa creación das intendencias, xurdiu unha certa confusión de competencias, que quedou dirimida en 1776, cando pasou a desenvolver as funcións relativas á xustiza e á policía, e o intendente as relacionadas coa facenda e a guerra. En Galicia, existiron na Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Ourense, e producíronse en moitos casos interferencias entre as súas funcións e as da Audiencia. En América, eran nomeados polo rei de entre unha terna presentada polos vicerreis. O cargo suprimiuse en 1835 e foi substituído polos xuíces en cuestións xudiciais e polos alcaldes nas gobernativas e administrativas.

Palabras veciñas

corripa | corrixibilidade | corrixible | corrixidor | corrixidoría | corrixir | corriza