Cortázar, Julio Florencio
Escritor. De orixe arxentina, a súa familia regresou a Bos Aires en 1918. En 1935 obtivo o título de profesor en Letras e ingresou na facultade de Filosofía e Letras; posteriormente, exerceu a docencia en varias localidades do país. En 1951 trasladouse a París cunha bolsa do goberno francés, comezou a traballar como tradutor na UNESCO e en 1981 obtivo a nacionalidade francesa. A súa obra caracterízase pola busca constante dunha linguaxe propia, o humor sútil e destrutivo, a asimilación das técnicas renovadoras da narrativa contemporánea, a profundización nas raíces do mundo hispanoamericano e a vontade de unir a preocupación estética e a sociopolítica. Influído por Roberto Arlt, Horacio Quiroga, Jorge Luis Borges, Jean Cocteau ou Alfred Jarry, considérase un dos principais cultivadores da literatura fantástica, cunha concepción da fantasía creadora que non se opón ao real, senón que o potencia e fai xurdir o ilóxico e o irracional dentro do cotián. Colaborador en diversas revistas especializadas (Huella, Correo Literario e Realidad), iniciou o seu labor literario coa colección de poemas Presencia (1940), asinada co pseudónimo de Julio Denis, e cunha recreación mitolóxica, o poema dramático Los reyes (1949). Coñecido fundamentalmente pola súa obra narrativa, publicou os libros de relatos Bestiario (1951), Final del juego (1956), Las armas secretas (1959), Historias de cronopios y famas (1962), Todos los fuegos el fuego (1966), El perseguidor y otros cuentos (1967), Relatos (1970), Octaedro (1974), Alguien que anda por ahí (1977), Queremos tanto a Glenda (1980) e Deshoras (1982); as novelas Los premios (1960) e Rayuela (1963), a obra máis complexa e elaborada do autor; o libro de viaxes Los autonautas en la cosmopista (1983), en colaboración con Carol Dunlop, e Libro de Manuel (Premio Médicis, 1973); e títulos de difícil adscrición xenérica como 62: Modelo para armar (1968), La vuelta al día en ochenta mundos (1967) ou Último round (1969), integrados por unha gran variedade de materiais que os sitúa nas fronteiras da novela e apunta novas direccións. Tamén hai que salientar o seu traballo como tradutor ao español de obras como Filosofía de la risa y el llanto, de Alfred Stern (1950), Obras en prosa, de Edgar Allan Poe (1956) ou Memorias de Adriano, de Marguerite Yourcenar (1955). Postumamente, publicáronse en 1986 as novelas Divertimento e El examen, e en 1995 Diario de Andrés Fava e Adiós Robinson.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Bruxelas -
Deceso
Lugar : París