Cortes

Cortes

Asemblea política dos reinos ibéricos convocada e presidida polo rei (ou polo seu lugartenente) e da que formaban parte membros dos tres estamentos sociais: nobreza, clero e burguesía. Na Idade Contemporánea, as Cortes convertéronse nunha asemblea con funcións representativas do conxunto da nación. Na maioría dos estados de Europa occidental constituíuse unha institución de similares características que recibiu, entre outros, o nome de Parlamento.
Orixes
A orixe da corte rexia sitúase na Alta Idade Media coa organización da monarquía visigoda que dotou o rei dun grupo de conselleiros, nobres e cregos, que conformaban o palatium, como asemblea de carácter consultivo, distinta do consello real. Nos séculos seguintes, asistiuse a unha consolidación do concilio como asemblea política de asesoramento e consulta do monarca nalgunhas decisións políticas de especial trascendencia. Trala reforma gregoriana, que acentuou o carácter relixioso dos concilios, o monarca seguiu reunindo, dende finais do s XII, as mesmas forzas en asembleas de carácter secular coa denominación de curia rexia, na que participaban as elites eclesiásticas e os representantes da nobreza. O desenvolvemento das cidades fixo necesaria a incorporación dos seus representantes na curia, que se transformou en Cortes, a partir das leonesas de 1188. Esta incorporación dos representantes das cidades serviulle ao monarca para frear o poder da nobreza, aumentar a lexitimidade das decisións políticas e conseguir maiores vías de financiamento para as súas actividades; para as cidades, a súa presenza nas Cortes permitiulles diminuír a arbitrariedade na imposición de tributos e subsidios.
As Cortes na Baixa Idade Media
Dende finais do s XII, os reinos ibéricos adoptaron as Cortes como asemblea política: León (1188), o conxunto dos estados da Coroa de Castela (1214), Catalunya (1218), o Reino de Aragón (1247), o Reino de València (1283) e Navarra (1300). As Cortes de León e de Castela fusionáronse nunha soa en 1230, feito que para Galicia supuxo, a partir de 1301, a súa desaparición como entidade autónoma nas Cortes, xa que por mandato real as principais cidades galegas quedaron sometidas á xurisdición dos bispos, que participaban nas Cortes defendendo os intereses eclesiásticos. Este proceso centralizador culminou en 1348 ao considerarse Galicia como unha provincia administrativa do Reino de León. Tras unha breve paréntese, na que o Rei Pedro I lle concedeu representación á cidade de Santiago de Compostela, Galicia quedou sen representantes nas Cortes castelás ata o reinado de Filipe IV. Os diferentes reinos adoptaron un modelo de Cortes diferente: en León e Castela, as Cortes reduciron de xeito progresivo as súas funcións, de modo que non compartiron o poder lexislativo e se limitaron á participación nas decisións trascendentes e na votación de tributos e subsidios, ao mesmo tempo que, por non adoptar unha estrutura estamental ben definida, os representantes das cidades (os procuradores) foron incapaces de impoñerse sobre os representantes da nobreza; en Aragón, produciuse unha maior colaboración das Cortes no mandato lexislativo, ao mesmo tempo que se contaba cunha estrutura estamental con catro brazos, que distinguía entre os representantes da alta e da baixa nobreza, na que progresivamente acadaron máis importancia os representantes das vilas e cidades; en Navarra, as súas Cortes foron máis tardías na súa celebración e máis reducidas respecto á súa participación e toma de decisións, pero acadaron maior relevancia a partir do s XVI.
As Cortes na Idade Moderna
A unión dos reinos hispánicos nunha soa coroa non supuxo a desaparición das Cortes medievais, aínda que, agás no caso navarro, foi decrecendo a súa importancia. A decadencia das Cortes castelás produciuse como consecuencia do autoritarismo político da monarquía dos Austrias. Dende 1506, o rei deixou de asistir ás Cortes e, a partir de 1538, o clero, a nobreza e os mestres militares abandonáronas ou foron excluídos delas, polo que quedaron reducidas aos representantes das cidades e do pobo, pero sen que iso significase un aumento da súa importancia política. As Cortes de Aragón non decaeron como as castelás, pero diminuíron as súas convocatorias, por causa do absentismo real e da negativa á celebración das reunións cos lugartenentes. No caso navarro, o feito de aceptar a presenza de vicerreis na celebración das Cortes permitiu que a súa actividade aumentase con respecto aos séculos precedentes, ata que foron disoltas en 1837. As reformas políticas de Filipe V supuxeron a desaparición das Cortes de Aragón e a inclusión dos representantes da coroa aragonesa nas Cortes de Castela, feito que non impediu a decadencia xeral da institución, pois só se convocaron durante o s XVIII en tres ocasións e unicamente para asuntos extraordinarios, como o xuramento dos novos reis. Durante todo este período, a actividade de Galicia nas Cortes de Castela caracterizouse pola permanente reivindicación do voto galego, feito que respondeu máis a un devezo simbólico que a unha cuestión práctica, a causa da pouca eficacia dunhas Cortes dominadas polo aparello autocrático dos Austrias. O voto galego recuperouse en 1622 a cambio de 150.000 ducados, cantidade ofrecida pola Xunta do Reino de Galicia, órgano integrado polos procuradores das sete cidades galegas: Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui.
As Cortes de 1812 a 1936
O concepto de Cortes sufriu unha transformación nesta época. Deixaron de concibirse como un órgano de representación estamental para actuar como un órgano representantivo do conxunto da nación e depositario da súa soberanía. Todas as constitucións do período referíronse a elas e dotáronas dunha estrutura unicameral (en 1812 e 1931) ou bicameral (nas restantes). Na historia do constitucionalismo español, o Congreso de los Diputados foi o órgano representante do corpo electoral, que variaba segundo a normativa constitucional. Deste modo, pódense distinguir varias etapas: nas Cortes de Cádiz estableceuse un sufraxio universal masculino indirecto; entre 1834 e 1890, agás o período do Sexenio Revolucionario, estivo en vigor o sufraxio masculino censatario; o sufraxio universal masculino directo, introducido por primeira vez no Sexenio Revolucionario (1868-1874), mantívose entre 1890 e 1923; e o sufraxio universal, mantívose entre 1931 e 1936, coa incorporación do voto feminino. O Senado evolucionou de xeito paralelo ao desenvolvemento constitucional, de modo que nos textos conservadores (1845 e 1876) se conformou como un órgano moderador do posible radicalismo do Congreso, para o que se limitou o acceso á cámara atendendo ao nomeamento real en virtude de criterios de riqueza e orixe social. Nas constitucións progresistas preveuse o carácter electivo dos senadores, ben polo censo electoral (1856 e 1869), ben de forma indirecta polos deputados (1837).
As Cortes franquistas
A Guerra Civil (1936-1939) determinou a disgregación das Cortes republicanas e o exilio e a represión de moitos dos seus membros. A través da Lei de Cortes de 1942, o goberno de Franco tratou de acadar unha ampliación das bases de lexitimación do réxime, que estaba en proceso de institucionalización, pero sen renunciar ao control de todos os poderes do Estado por parte de Franco. As denominadas Cortes Españolas supuxeron unha ruptura coa tradición liberal e democrática herdeira das Cortes de Cádiz de 1812. O criterio elixido para a súa formación fundamentouse na tradición estamental da Idade Media e Moderna e na doutrina corporativa do fascismo. Deste modo, ilegalizados os partidos políticos, agás o Movimiento Nacional, a representación estableceuse en base á pertenza a un determinado cargo, por eleccións de carácter restrinxido ou por designación directa do xefe do Estado. Franco nomeou persoalmente o presidente da Cámara ata 1967 e dende entón, elixiuno entre unha terna de candidatos propostos polo Consejo de Estado. Na práctica, as Cortes Españolas nunca superaron o seu reducido papel como órgano deliberante con funcións de mero asentimento e adhesión á política do goberno. Trala morte de Franco, as Cortes decretaron a súa propia disolución en novembro de 1976 ao aprobar a Lei de Reforma Política, ratificada en referendo un mes despois, que posibilitou o proceso que remataría na promulgación da Constitución Española de 1978.
As Cortes na Constitución de 1978
O texto de 1978 conformou as Cortes Generales como unha institución do Estado representativa da vontade popular por medio do sufraxio universal. Está integrada por dúas cámaras: o Congreso de los Diputados, ou cámara baixa, como asemblea de representación directa da cidadanía e chamada a ter un gran protagonismo na vida política; e o Senado, ou cámara alta, concibido como órgano de representación territorial e coa función de ser unha segunda instancia de reflexión e deliberación. A ambas correspóndelles o exercicio da potestade lexislativa, a aprobación dos orzamentos do Estado e o control da acción do goberno. A estrutura orgánica e o funcionamento das cámaras é bastante similar, segundo a tradicional configuración das institucións parlamentarias. As tarefas de dirección dos traballos parlamentarios e de administración realízanas o Presidente e a Mesa, órganos elixidos polos propios membros das cámaras. Reúnense en pleno ou por comisións, segundo estean presentes todos os membros da asemblea ou só un número reducido deles, en proporción á importancia numérica dos grupos parlamentarios. Outros órganos son a Junta de Portavoces e a Diputación Permanente, que vela polos poderes das cámaras cando non están constituídas. Son inviolables, polo que non poden ser obxecto de control, represión ou actuación que lles limite os poderes que constitucionalmente lles foron atribuídos. Os seus membros gozan de inviolabilidade e inmunidade parlamentarias.