Cortezón Álvarez, Daniel

Cortezón Álvarez, Daniel

Escritor e dramaturgo. É autor dunha extensa produción dramática que se constitúe ao redor da idea fundamental da necesidade dun drama nacional que teña como base a revisión da historia de Galicia, case sempre dende a óptica da loita de clases e de esquerdas. Así, á parte dos primeiros textos, Nicolas Flamel (1960) e O renarte Ciprián (1960), o resto da súa produción insírese dentro do teatro histórico: Prisciliano (Premio Villar Ponte do Centro Galego de Bos Aires, 1970). No ano 1973 publicou Xelmírez, ou a groria de Compostela, representada en 1999 polo Centro Dramático Galego; Os irmandiños (1978), representada polo grupo Tespis en 1980 e Pedro Madruga (1981). En 1986 creou unha tetraloxía denominada xenericamente Castelao ou a paixón de Galicia, que se compón dos seguintes volumes: O animador de ilusións (1986), Os árbores e os xuncos (1989), Intermezzo bufo (1996) e O pudor e a angustia (1997). É tamén autor dunha ampla obra en lingua castelá e das novelas Ribanzo (Premio Manuel Cao Turnes do Centro Galego de Bos Aires, 1955), As covas do Rei Cintolo (1955), O cabaleiro da luz (1956), A xeva sagrada (1960) e A vila sulagada (Premio Blanco Amor, 1981); e os ensaios O esprito de Galiza (Premio Otero Pedrayo do Lar Galego de Caracas, 1955), Castelao ou a paixón de Galiza (1955) e Teatro e nacionalismo (1984).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ribadeo

  • Falecemento

    Lugar : Lugo