Coruña, comarca da

Coruña, comarca da

Comarca do NO da Comunidade Autónoma de Galicia, á beira do Golfo Ártabro. Esténdese desde os 43° 10’ aos 43° 25’ de latitude N e desde os 8° 10’ aos 8° 35’ lonxitude O. Limita ao N co Océano Atlántico, ao L coa comarca de Betanzos (concellos de Paderne, Betanzos, Oza dos Ríos e Cesuras), ao S coas comarcas de Ordes (concellos de Mesía, Ordes e Cerceda) e Bergantiños (A Laracha), e ao O co Océano Atlántico e a comarca de Bergantiños (A Laracha). Abrangue unha superficie de 469,6 km2, nos que acolle unha poboación de 347.609 h (1996) distribuída entre os nove concellos que a integran: Abegondo (83,8 km2; 5.467 h), Arteixo (93,3 km2; 20.898 h), Bergondo (32,7 km2; 5.736 h), Cambre (40,7 km2; 14.972 h), Carral (48 km2; 5.184 h), A Coruña (37,6 km2; 243.785 h), Culleredo (62,3 km2; 18.513 h), Oleiros (43,7 km2; 23.057 h) e Sada (27,5 km2; 9.997 h). A Coruña, situada na zona setentrional da comarca, é a súa cabeceira, unha das dúas grandes cidades que organizan a rede urbana galega, e concentra importantes recursos industriais, terciarios, demográficos e sociais.
Xeografía física
A comarca da Coruña non se individualiza respecto do seu contexto rexional polos aspectos físicos, senón polas relacións dos municipios próximos con respecto á cidade herculina. O clima da comarca combina as condicións xerais do dominio oceánico con trazos locais peculiares que constitúen auténticos microclimas. O seu réxime térmico é moderado, debido fundamentalmente á suavidade do tempo invernal. A temperatura media anual é escasamente inferior aos 14°C. O mes máis frío é febreiro, que rexistra temperaturas medias entre 8°C e 10°C, mentres que o máis cálido é agosto con temperaturas duns 19°C. A oscilación térmica é pequena, entre 9°C e 10°C. Cómpre sinalar que os rexistros térmicos varían conforme se abandona a costa, se penetra no interior e se ascende en altitude. Coa diminución da influencia do océano recrúanse as temperaturas; o mesmo ocorre co ascenso en altura. Non obstante , pódese considerar a totalidade do conxunto comarcal inserido no dominio climático oceánico húmido. Os datos de precipitacións da estación meteorolóxica da Coruña non son significativos para toda a comarca, xa que polas características do microclima urbano e pola súa situación, A Coruña ten unhas precipitacións máis reducidas ca o resto dos concellos da comarca. Así, se no centro da cidade herculina se recollen un total de 1.012 mm anuais, os rexistros son maiores no resto dos concellos, máis expostos á influencia dos ventos húmidos do SO e cun ascenso en altitude que favorece as precipitacións. O réxime pluviométrico ten os seus máximos no inverno e no outono, mentres que o verán é a estación que recolle a menor porcentaxe de precipitacións. O relevo da comarca caracterízase polo seu ondulante trazado e pola reducida altitude media, un conxunto de terras baixas constituídas por unha sucesión de pequenos vales e interfluvios situados ao pé dos rebordos montañosos que a rodean amodo de anfiteatro. Apréciase un ascenso latitudinal, de forma que a altitude ascende cara ao S. O límite meridional da comarca marca as máximas cotas no contacto coa penechaira que forma a comarca de Ordes. Do mesmo xeito, hai unha sucesión de pequenos outeiros que baixan con pendentes moi moderadas cara á costa, as denominadas Mariñas coruñesas. A rede fluvial está formada por ríos de pequena lonxitude que nacen no alto dos outeiros e desembocan no mar próximo, despois de atravesar vales suaves; son ríos, como o Arteixo, o Seixido, o Mero, o Santa Cruz ou o Salgueira, de caudal relativamente amplo, que se aproveitan para facer encoros e para abastecer de auga a poboación urbana (como os encoros de Rosadoiro, Meicende ou Cecebre). A extensa fachada litoral é moi variada nas súas formas: nas dúas rías da costa, a da Coruña e a vertente occidental da de Betanzos, sucédense praias e acantilados de altitude variable. No resto do litoral hai praias de depósitos areosos, calas penedosas, costas de formas suaves ou abruptas, promontorios, illas (a de San Pedro e a de Marola), illotes, etc. A intensa ocupación do chan desta comarca, predominantemente urbana e cunha elevada densidade de poboación, reduce en gran medida as áreas ocupadas pola vexetación natural. Aínda así, sobreviven espacios naturais formados por masas forestais de relativa importancia. Aparecen bosques de piñeiros, eucaliptos, castiñeiros e áreas de especies ripícolas. Principalmente, predominan os piñeiros, moitos deles produto da substitución da vexetación primitiva, da que quedan algunhas carballeiras. Nas partes con topografía máis accidentada do interior e da costa dominan as formacións de toxos combinados con breixos e xestas.
Xeografía humana
A cidade da Coruña capitalizou ata a década de 1990 o desenvolvemento demográfico da comarca; acolleu durante diferentes etapas a poboación proveniente dos concellos próximos, así como doutros lugares de Galicia. Se nos primeiros momentos foi a cidade herculina a única que se favoreceu do crecemento demográfico asociado á súa urbanización e desenvolvemento económico, desde mediados do s XX este proceso estendeuse pola súa primeira periferia. Así, os concellos de Arteixo ou de Culleredo aumentaron a súa poboación entre 1950 e 1970, mentres que os municipios máis afastados da cidade perderon habitantes, xa que estes se dirixían precisamente á Coruña. A partir de 1970 obsérvase que todos os concellos da comarca acollían un maior continxente de poboación debido aos procesos de urbanización difusa que comezaron a producirse neses anos. A saturación do espazo urbanizable no interior da cidade, os custos máis altos para o solo e as vivendas, o insuficiente nivel adquisitivo das parellas novas para poder adquirilas e a alta densidade foron algunhas das causas que provocaron que unha gran parte das persoas emigrasen cara á área urbana da Coruña e fixasen a súa residencia nos concellos próximos. Este fenómeno de periurbanización contribuíu a establecer dende entón fortes relacións entre a cidade e os seus concellos veciños, a través dos movementos diarios de persoas que van traballar á urbe. Na década de 1990 non só continuou este proceso, senón que se intensificou ao agravarse a saturación da cidade coruñesa e, como consecuencia, o prezo das vivendas e a súa dispoñibilidade. Simultaneamente, desenvolveuse un proceso de contraurbanización derivado dun fondo cambio social, traducido na preferencia polos espacios verdes e pola maior valoración do gozo do tempo libre, feito que deu lugar a unha proliferación de vivendas secundarias que, en numerosos casos, remataron por converterse en primarias. A Coruña coñeceu entre 1991 e 1996 o primeiro descenso de poboación do s XX; nese quinquenio pasou de 246.953 h a 243.785 h. Mentres tanto, os concellos da comarca experimentaron, en termos xerais, un crecemento da súa poboación: en 1991 Arteixo tiña 17.934 h e en 1996, 20.898 h; Bergondo pasou de 5.443 h a 5.836 h; Cambre, de 12.383 h a 14.972 h; Culleredo, de 14.692 h a 18.513 h; Oleiros, de 18.727 h a 23.057 h; e Sada, de 8.935 h a 9.997 h. Tan só Abegondo e Carral, os máis afastados da capital, quedaron á marxe deste proceso de incremento demográfico espectacular: en Abegondo, a diferenza entre as dúas mos-traxes censuais é tan só dun habitante (5.466 h en 1991 fronte a 5.467 en 1996), mentres que en Carral se rexistrou un retroceso do 0,86% ao pasar de 5.229 h en 1991 a 5.184 h en 1996. Nunha distribución territorial da expansión urbana da comarca coruñesa, as tipoloxías arquitectónicas dominantes permiten advertir diferencias sociolóxicas entre os concellos occidentais (Arteixo, Culleredo e Cambre, principalmente) e os orientais (Oleiros e Sada, sobre todo). Nos primeiros predominan as residencias primarias en edificios divididos en altura, ocupados por poboación de clase media-baixa, traballadores asalariados con recursos económicos limitados que non lles permiten afrontar os gastos de adquisición en propiedade dun piso na cidade. Polo contrario, nos concellos orientais predominan as vivendas unifamiliares e as secundarias habitadas por clases sociais cun alto poder adquisitivo. Respecto á distribución por grupos de idade, a comarca coruñesa ten poboación adulta, pois predominan os grupos de entre 20 e 65 anos. Tras unha forte etapa de crecemento vexetativo, nos anos noventa do s XX chegouse a un incremento natural case nulo, e incluso negativo, nalgúns concellos. O crecemento demográfico dos concellos próximos á cidade coruñesa é froito da recolocación de parte da poboación da comarca (do traslado da urbe cara aos concellos veciños) máis que dun crecemento natural.
Xeografía económica
A cidade da Coruña rexe a actividade económica da comarca. Dada a súa elevada centralidade rexional, estende a súa área de influencia económica á maior parte do N de Galicia, polo que son moitas as comarcas que manteñen relacións directas con ela. Por isto, entre a coroa de concellos que rodean a cidade e a mesma existen uns intensos vínculos. A Coruña é unha urbe de servicios cunha importante base industrial, considerada como un dos motores que moven e organizan a economía de Galicia. É unha cidade comercial e administrativa, fortemente especializada no sector terciario. Tamén conta cunha notable industria que diversifica a súa base económica. Ademais é unha cidade portuaria, feito que supón un factor de estabilidade para asegurar o seu desenvolvemento económico. No sector secundario a cidade coruñesa conta con grandes empresas illadas, como a refinería de petróleo, e cunha maioría de empresas de pequeno e mediano tamaño, a maior parte concentradas nos polígonos industrias da Grela-Bens e Pocomaco. O sector terciario está moi desenvolvido e diversificado: entidades financeiras, delegacións territoriais de grandes empresas, medios de comunicación, consultores, actividades do terciario profesional, servicios avanzados, administración pública, servicios públicos, como sanidade e educación, comercio, etc, conforman o centro rexional de servicios e comercio que é A Coruña. No resto dos concellos da comarca coruñesa tamén a especialización secundaria e, sobre todo, a terciaria predominan na estrutura da súa economía e do emprego. En todos eles é o sector terciario o que ocupa a máis traballadores, seguido polo secundario, aínda que a maior parte destes traballadores desenvolven a súa actividade precisamente na cidade da Coruña. O sector primario ocupa un lugar marxinal na economía da comarca, tan intensamente urbanizada. A superficie cultivada aínda chega a representar unha porcentaxe importante en concellos, como Carral (47,14% do total) ou Sada (47,06%); neles, as actividades agropecuarias están destinadas á obtención de produtos destinados ao consumo nos mercados urbanos próximos: cereais, tubérculos, froitas, flores, cítricos, viñedo e tamén carne e leite. A maior parte das explotacións trabállanas a tempo parcial persoas empregadas noutros sectores. No sector secundario, desde a cidade coruñesa desconcentráronse as industrias e trasladáronse cara a municipios periféricos. As industrias non se dispoñen por igual en toda a comarca, senón que se concentran ao O do núcleo urbano, nos concellos de Arteixo e Culleredo, e máis recentemente no concello oriental de Bergondo, debido á construción no seu interior dun polígono industrial. Destaca o polígono industrial de Sabón-Arteixo, cunha extensión de 3,2 km2e cun intenso aproveitamento. En Sabón sitúanse a maior parte dos centros de fabricación e distribución do maior grupo empresarial galego, Inditex, dedicado á confección. En Culleredo localízanse as áreas industriais de Alvedro, O Burgo e Fonteculler. A expansión de recursos desde a cidade cara aos concellos limítrofes é menor no sector terciario, xa que A Coruña constitúe un centro de servicios e comercio rexional. Algúns concellos tamén manteñen vínculos con centros comerciais próximos: Sada, Abegondo e Bergondo con Betanzos. Non obstante , debido ao incremento demográfico que experimentaron, formáronse unha serie de subcentros case sempre coincidentes coas cabeceiras municipais ou coas maiores urbanizacións. Trátase, non obstante, dun sector bastante modesto, dedicado a atender as necesidades da crecente poboación destes concellos a través de establecementos comerciais dedicados á venda polo miúdo, entidades financeiras, centros educativos e sanitarios primarios, etc. Tamén no sector turístico, A Coruña capitaliza un maior interese para os visitantes. É un destino turístico tradicional do N de España que abordou nos últimos anos unha intensa renovación urbanística para convertela nun punto de referencia como cidade para a cultura e o lecer. Os atractivos paisaxísticos da costa da comarca coruñesa, principalmente a que conforma a ría da Coruña coas súas enseadas e praias de area fina ao abeiro das correntes marítimas, convértena en lugar de referencia para o turismo marítimo. Existen cámpings, urbanizacións de chalés acaroados e de bloques de apartamentos ao longo da costa e das praias que a conforman cunha finalidade claramente turística. O resultado son núcleos especializados de ocio e de recreo, como Santa Cristina, Santa Cruz ou Sada, centros de referencia do turismo costeiro da comarca. A rede de estradas ten unha elevada densidade debido a que a cidade da Coruña é referente primeiro do Plano dos Accesos a Galicia (acceso norte) e do Plano da Autoestrada do Atlántico. As estradas nacional radial N-VI (Madrid-A Coruña), nacional N-550 (A Coruña-Tui) e comarcal C-552 (A Coruña-Fisterra), a autovía A-6 (Madrid-A Coruña) e as autoestradas A-9 (Ferrol-Vigo) e A-55 (A Coruña-Carballo), actúan como arterias que posibilitan a comunicación interna da área urbana coruñesa, cunha disposición en estrela dende a capital herculina. As vías de conexión máis rápidas e cun maior uso encóntranse nos concellos occidentais, mentres que nos orientais son máis numerosas as vías menores. A rede ferroviaria conta coa Coruña como estación final da liña Madrid-A Coruña. O porto coruñés monopoliza o tráfico marítimo comarcal, aínda que Sada conta cun porto deportivo e pesqueiro de relativa importancia. O aeroporto de Alvedro, no concello de Culleredo, ofrece o servizo de comunicacións aéreas comerciais.
Configuración comarcal
A comarca da Coruña amosa uns trazos especiais con respecto á maioría das comarcas de Galicia ao tratarse dun espazo intensamente urbanizado que xira arredor dunha das dúas principais cidades galegas. A súa historia e o seu desenvolvemento están fortemente vinculados á cidade coruñesa e á difusión das súas funcións cara aos concellos próximos. Deste modo, os municipios que forman a primeira coroa da área urbana da Coruña integran esta comarca; teñen como característica común a dependencia funcional e económica da cidade, pero tamén posúen peculiaridades que os individualizan. Os concellos de Arteixo, Culleredo, Oleiros, Sada e Cambre están intensamente poboados, mentres que Abegondo, Bergondo e Carral son os menos. Estes tres últimos concellos son os máis afastados da cidade e forman o límite da comarca, onde a influencia da Coruña empeza a ser compartida con cabeceiras doutras comarcas, como Betanzos ou Ordes. O concello de Arteixo coñeceu un forte proceso urbanizador e industrializador que o converteu nun subcentro da comarca. A influencia da capital foi ampliando o seu nivel de dotacións, polo que se trata dunha subárea funcional que mantén elevados fluxos sociolaborais coa Coruña, debido a que o propio Arteixo atrae forza de traballo, ao ser un concello industrializado; de feito, alí está situado o polígono industrial de Sabón. Culleredo é tamén outro pequeno subcentro para o comercio cotián e os servicios públicos básicos. Trátase dunha área de expansión urbana na que núcleos, como O Burgo, Vilaboa, Fonteculler ou O Temple funcionan case como barrios residenciais da Coruña (son espacios intensamente poboados por traballadores da cidade coruñesa que se desprazan a ela diariamente). Oleiros tamén posúe o carácter de subcentro para a poboación residente neste concello, que está medrando polo mesmo proceso que en Culleredo e por tratarse do espazo principal de residencias secundarias dos cidadáns coruñeses. Sada é unha subárea complementaria á da propia cidade como centro turístico costeiro. Administrativamente, sen embargo, adscríbese aos servicios que residen en Betanzos, ademais dos da Coruña. Cambre fortalece a súa pertenza á área de influencia da Coruña cun aumento de persoas que deciden residir neste concello e que traballan na cidade. Abegondo e Bergondo son os concellos que marcan o límite oriental da comarca; ata eles chegou a expansión urbana da cidade coruñesa aínda que estes dous concellos están tamén na área de influencia de Betanzos. Ademais da concentración residencial, no caso de Bergondo destaca a presenza dun polígono industrial fortemente desenvolvido. Carral pertence á orla exterior da área urbana da Coruña e da súa comarca; este concello dispón de servicios de carácter local pero vincúlase á capital nos servicios especializados e nos desprazamentos laborais. Deste xeito, queda plenamente identificada a comarca coruñesa coa área urbana da súa capital.
Historia
Os restos materiais atopados no xacemento de Reiro-Barrañán, en Arteixo, e datados no Mesolítico, poden identificarse como os primeiros testemuños de poboación na comarca. Durante a etapa castrexa (s VII a C-s II d C), esta comarca estaba poboada polos ártabros ou arrotrebos, que se estendían, segundo as fontes clásicas, ao redor das rías de Ferrol, Betanzos e A Coruña. A presenza de numerosos castros, entre os que destacan os de Anzobre e Figueiroa en Arteixo; os de Mabegondo, Vizoño e Leiro en Abegondo; o de San Fiz de Vixoi e o de Reboredo de Ouces en Bergondo; os de Meixigo, Sigrás e A Castrexa no concello de Cambre; o castro de Ameás en Carral; e o castro de Elviña na Coruña confirman a extensión do poboamento castrexo. A chegada dos romanos produciuse ao redor do 60 a C, nunha campaña dirixida por Xulio César, quen desembarcou en Brigantium e iniciou o sometemento dos pobos do NO. O proceso de romanización deixou fondas pegadas, como a construción da torre de Hércules, faro que aseguraba a navegación cara ao porto de Brigantium, a propia cidade de Brigantium, que adquiriu o dereito latino baixo o goberno de Vespasiano ou os restos das vías romanas, a via XX per loca maritima, que pasaba polos actuais concellos de Arteixo, Cambre e A Coruña. A invasión dos suevos, a comezos do s V, deixou restos da súa presenza nunha necrópole situada en Oseiro (Arteixo). Atopáronse poucas fontes e restos de comezos da Idade Media, pero dende o s IX ata o s XI producíronse frecuentes ataques dos viquingos normandos, que afectaron, entre outras, ás poboacións de Sada e A Coruña. As orixes dos límites espaciais da comarca poden atoparse nunha unidade territorial, coñecida como Nemitos e rexistrada polas fontes do s X, que se estendía pola rexión comprendida entre a ría do Burgo-A Coruña e a ría de Betanzos. A proliferación das fundacións monacais dende moi cedo foi un dos elementos que definiron esta comarca durante a Idade Media. Así, poden subliñarse as fundacións de san Rosendo durante o s X en Sada, o mosteiro de Cambre (s XI), o mosteiro beneditino de San Tomé de Monteagudo (s XII-s XIII), xunto cos diversos centros templarios (s XII-s XIV) nas Mariñas e a presenza dos monxes de Sobrado dos Monxes no Burgo (Culleredo). O núcleo da Coruña, disputado por Urraca e o arcebispo Xelmírez, converteuse en vila de reguengo e iniciou o seu desenvolvemento comercial baixo o reinado de Afonso IX, coa concesión aos seus habitantes do foro de Benavente (1208). A reactivación do comercio marítimo incidiu na vila da Coruña e, na comarca, a expansión da agricultura supuxo o aumento dos ingresos dos señores feudais, entre os que destacaban os condes de Andrade, que exercían o señorío sobre Sada e Culleredo, e liñaxes locais, como a casa de Figueroa, en Abegondo, ou os descendentes de Gómez Pérez das Mariñas. Roi Xordo e Martiño de Ouces, oriúndos ambos os dous das Mariñas de Bergondo, dirixiron a primeira das Revolucións Irmandiñas (1431), que se desenvolveu ao redor da vila de Pontedeume, dentro do señorío dos Andrade. O proceso de concentración da poboación, que afectou á Galicia costeira durante a Idade Moderna, incidiu de xeito especial na comarca durante o s XVI. Os enfrontamentos entre Filipe II e a Raíña Isabel de Inglaterra provocaron que en 1589 a armada inglesa, dirixida por Drake e Morris, desembarcase coas súas tropas en Oleiros e Sada co obxectivo de atacar A Coruña. As milicias das Mariñas de Betanzos, nas que se integraban os habitantes de Sada, participaron na defensa da Coruña dirixidos polo capitán Colmelo. As milicias de Betanzos dos Freires e de Bergondo participaron de novo (1599) na defensa da Coruña contra a invasión inglesa. No Antigo Réxime, as parroquias da comarca da Coruña pertencían ás provincias de Betanzos e A Coruña. Distribuíanse entre as xurisdicións de Abegondo, Mabegondo, Miraflores, Sésamo, Val do Barcia e as xurisdicións de reguengo da Coruña (A Coruña, Cambre e O Temple) e de Betanzos (Betanzos, Bribes, Bergondo, Cotiñán, Moruxo, Vixoi e Rois). A invasión francesa e a posterior Guerra da Independencia incidiu dun xeito negativo na economía da comarca, especialmente na da burguesía, pola introdución de produtos estranxeiros. A comezos de 1809, as tropas inglesas dirixidas polo xeneral John Moore, voaron a ponte do Burgo (Culleredo) para cubrir a súa retirada fronte ás forzas napoleónicas. O retorno do absolutismo provocou o seu rexeitamento por parte dos liberais, que se reflectiu nun intento frustrado de sublevación liberal dentro da comarca, dirixido en 1815 por Xoán Díaz Porlier co fin de proclamar a Constitución de Cádiz. O 2 de abril de 1846 produciuse o pronunciamento do coronel Solís en Lugo, quen, despois da súa derrota, foi capturado en Santiago, xulgado e fusilado, finalmente, en Carral. Os concellos que integran a comarca apareceron entre 1812 e 1864. A finais do s XIX, os concellos de Cambre e Arteixo constituíronse en espacios de veraneo, en relación coa dinámica da burguesía coruñesa.
Patrimonio cultural
Os restos arqueolóxicos máis antigos conservados na comarca pertencen á época castrexa. Entre os seus castros destacan os de Leiro e Mabegondo, en Abegondo; Arzobre, Arteixo e A Pastoriza, en Arteixo; Reboredo de Ouces e San Fiz de Vixoi, en Bergondo; Sigrás e Pravio, en Cambre; Elviña e Nostián, na Coruña; Sésamo, en Culleredo; Subiña, en Oleiros; e Meirás e Samoedo, en Sada. Da época romana destaca a torre de Hércules na Coruña. A arquitectura románica deixou unha fonda pegada na comarca: na cidade da Coruña destacan as igrexas de Santiago, da segunda metade do s XII, e Santa María do Campo, de orixe románica pero moi transformada; en Culleredo, as igrexas de Santo Estevo, Santa María de Celas e Santiago do Burgo, a capela maior do Divino Salvador de Orro e a ábsida da ermida de San Cosme de Sésamo; en Oleiros, destaca a parroquial de Santa María de Dexo, consagrada en 1108 polo arcebispo Xelmírez; en Arteixo están as igrexas de San Tirso de Oseiro, Santa María de Louredo, Santa Baia de Chamín e o antigo mosteiro de San Tomé de Monteagudo; en Bergondo consérvase a igrexa do antigo mosteiro de San Salvador do s XII; e en Cambre, a igrexa de Santa María de Cambre, declarada Ben de Interese Cultural, e a de Santa María do Temple, ambas do s XII. A igrexa de San Francisco da Coruña é de orixe gótica. Entre as construcións barrocas destacan o santuario da Virxe da Pastoriza, en Arteixo, aínda que de orixe románica, e as igrexas de San Domingos, do convento das Capuchinas, de San Xurxo e de San Nicolao, na Coruña. A comarca contou cun bo número de castelos dos que nalgúns casos perduran só as torres. En Abegondo consérvanse os castelos de Beldaña e Porcas, e as torres da Cerca, Peto Bordel e Figueroa, todos eles declarados Ben de Interese Cultural; en Oleiros, o castelo de Santa Cruz, declarado Ben de Interese Cultural igual ca as torres de Coruxo e a torre de Lorbe; en Culleredo, a torre de Celas; en Carral, as torres de Pardo Bazán, Valbén e Echevarría; e, na Coruña, o castelo de Santo Antón, antigo baluarte e sede do Museo Arqueolóxico e Histórico. Na arquitectura palaciana destacan os pazos de Crendes, Folgoso e a chamada casa de Filipe II en Abegondo; os de Xaz, Lángara e Río, en Oleiros; os de Sada, Samoedo e Meirás en Sada; os de Ribeira, Esperante, Viladesuso e Hervés, en Carral; o pazo de Anzobre, en Arteixo; os pazos de Anceis, Drozo, Pravio e Sigrás, en Cambre; e os de Armiño, Mariñán ou Láncara, e a Quinta de San Victorio, en Bergondo. Entre as construcións civís da cidade da Coruña destacan os pazos de Cornide, da Capitanía Xeneral, do Concello e o Real Consulado. Outros edificios de interese son o balneario de Arteixo co hotel proxectado por Juan Ciórraga entre 1898 e 1915; a modernista Terraza de Sada, trasladada desde A Coruña; o pazo de Congresos, o Kiosko Alfonso, a Terraza, a Atalaia e as galerías da Coruña. Entre os monumentos de carácter público destacan, entre outros, o dedicado aos mártires de Carral (1904) e os erixidos, ao xeneral J. Moore, E. Pardo Bazán, Linares Rivas e Concepción Arenal, na Coruña. Ademais, nas inmediacións da torre de Hércules realizouse un parque escultórico formado por obras de X. Cid Menor, M. Paz, X. Correa, R. Conde e S. Peralta, entre outros. A comarca conserva un gran número de cruceiros situados tanto nas encrucilladas coma á beira das igrexas. Así, en Abegondo destaca o situado preto da igrexa parroquial de Santa Baia; en Arteixo existe un exemplar trala ábsida de San Tomé de Monteagudo e outros dous no santuario da Pastoriza; en Bergondo consérvase un exemplar na igrexa do antigo mosteiro de San Salvador e outro en San Xoán de Ouces; en Cambre destacan os de Lema, Pravío, Cambre e Santa María de Vigo; en Carral, os de San Vicente de Vigo e Paleo; en Culleredo, os da parroquia de Santo Estevo e de San Salvador de Orro; en Oleiros, o de Dexo; e, en Sada, os de Perillo e Meirás. Outras construcións destacables son os pombais conservados en Mabegondo (Abegondo), Oseiro (Arteixo) e Sumio (Carral); o hórreo de Casanova, en Arteixo; os muíños do río Brexo, en distintos lugares de Cambre e a acea de Acea de Ama, en Rutis (Culleredo). Entre as institucións culturais da comarca destacan o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside en Sada; o Museo Arqueolóxico e Histórico, o Museo de Belas Artes, a Casa das Ciencias e a Domus na Coruña. Dentro do patrimonio natural destacan: o encoro de Cecebre, nos concellos de Cambre, Carral e Abegondo; o espazo das marismas de Bergondo, na ría de Betanzos; a ría do Burgo, en Culleredo e Oleiros; o monte Xalo, en Culleredo e Carral; a punta Lagosteira, en Arteixo; e as illas de Marola, San Pedro de Visma e da Redonda, na Coruña. Entre as festas que se celebran na comarca cómpre salientar: en Abegondo, as de Nosa Señora da Saleta (Presedo) e as do Divino Salvador (Vións); en Arteixo, as de santa Eufemia e a romaría da Virxe da Pastoriza; en Bergondo, a romaría de Santa Marta de Babío e as festas de Nosa Señora, en Guísamo; en Cambre, a romaría de san Bieito de Anceis; en Carral, as festas do Perpetuo Socorro, de santa Isabel (Tabeiao), de santo Estevo (Paleo) e a festa gastronómica da Empanada; na Coruña, as de María Pita e as da Nosa Señora do Rosario; en Culleredo, as de Santiago Apóstolo (O Burgo) e a romaría de san Cosme e san Damián (Sésamo), ademais da festa gastronómica da Cereixa (Celas); en Oleiros as da Virxe do Carme (Perillo e Santa Cruz), as de san Bras e de santa María de Oleiros e as do Santísimo (Santa Cruz); e, en Sada, as de san Bieito (Mosteirón), do Santísimo (Meirás) e a festa gastronómica da Filloa.