Coruña, Santiago da

Coruña, Santiago da

Igrexa parroquial situada na Coruña. Asentada probablemente sobre un templo ou necrópole romana, construíuse no 1218, aínda que experimentou importantes reformas entre os ss XV e XVII que modificaron a súa planta. En 1779 derrubouse a súa cuberta como consecuencia dun incendio. Ten planta de salón con tres ábsidas románicas que se comunican coa nave por medio de arcos de medio punto. A cuberta da nave é de madeira a dúas augas e apóiase sobre arcos faixóns apuntados; as ábsidas cóbrense, agás a da Epístola, con bóveda de canón, e conserva o coro aos pés. De orixe románica son a portada lateral, cun agnus dei no tímpano, e a portada principal, coas figuras de san Marcos e san Xoán nas xambas, que acusan a influencia do Pórtico da Gloria, e coa figura do Apóstolo Santiago a cabalo (s XVI) no tímpano. No s XVII construíronse a torre, a capela de San Xosé e a sancristía. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1972.