corzo -za
(< lat v *curtiu, de curtu‘truncado’)
-
s
[ANIMAL]
Cervo de ata 120 cm de lonxitude e 73 cm de altura en cruz. Presenta pelo curto, cunha franxa negra dende a boca ata as ventas do nariz, queixo, ventre e partes traseiras de cor branca e o resto do corpo de cor parda cinsenta no inverno e de cor acastañada no verán. As crías teñen un deseño salpicado que as axuda a pasar desapercibidas cando se deitan no medio das fragas. O macho presenta corno con dous ramais: un curto dirixido cara a adiante e outro cara a atrás, cun mínimo de dúas puntas. Esta cornamenta cáelle ao principio do inverno e vaille medrando ata maio. A femia, de menor tamaño corporal, non presenta cornos. O macho defende o territorio, onde se mantén a femia coa que se reproduce, dende o comezo de marzo ata finais da época de celo, que ten lugar no mes de agosto. Sinala os límites deste territorio con glándulas odoríferas que teñen na fronte e marcan as árbores con rabuñaduras feitas cos cornos. Pasados 150 días despois da cópula, os óvulos implántanse no útero da femia e comeza a maduración dos embrións que se xestan durante 294 días. Xeralmente, nacen dúas crías que durante dúas semanas permanecen agochadas nalgún lugar mesto da foresta a onde acode a femia a aleitalos. Logo forman un grupo familiar, xunto co macho, que se mantén unido ata principios do inverno. Habitan en bosques abertos e frecuentan cultivos ou prados que se atopan preto das árbores. Son activos principalmente no solpor e no mencer. Aliméntanse, sobre todo, de follas, froitos, cogomelos e gromos de árbores. Distribúese por Europa, Asia Menor, Siberia, norte de Asia, Manchuria, China e Corea. As densidades máis altas da Península Ibérica localízanse nos Ancares leoneses, con máis de 29 corzos por km 2 no outono, mentres que nos Ancares galegos hai ata case 16 corzos por km 2 . Constitúen unha presa habitual dos lobos e as crías tamén dos raposos. A carne é apreciada para o consumo humano, polo que ten consideración de peza de caza maior, e pódese preparar adobada, guisada ou estufada.
-
s
m
Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde á voz ‘real (25 céntimos)’.