Costa Vázquez, Luis
Musicólogo. Licenciado en Xeografía e Historia, acadou a especialidade de musicoloxía (Universidad de Oviedo, 1992) e a de historia (UNED, 1999), e doutorouse en 1999 na Universidade de Santiago de Compostela coa tese La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936 (edición electrónica, 1999). Iniciou os seus estudios musicais na academia da banda de música de Castrelo de Cambados da man de Ángel Padín. Dende os dez anos foi clarinetista nesa agrupación e exerceu como director da mesma en varias ocasións. Continuou a súa formación en varios conservatorios de Galicia e nos superiores de Santiago de Compostela e Oviedo. Exerceu a docencia en centros de ensino secundario, no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra e na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo como profesor asociado de historia da música e do folclore. Membro de varias sociedades científicas e da Ponencia de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega, colaborou na fundación da Sociedade Ibérica de Etnomusicoloxía (SIbE, posteriormente, Sociedade de Etnomusicoloxía). Publicou, entre outros artigos: “O baile tradicional en Galicia: procesos de folclorización” (1996), “Los músicos gallegos en la Galicia exterior” (1997), “Coralismo, etnicidad y nacionalismo en Galicia” (1998), “Las rumbas olvidadas: transculturalidad y etnicización en la música popular gallega” (2001) e “Música e galeguismo: estratexias de construción dunha cultura nacional galega a través do feito musical” (2001).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Cambados