Cotarelo Valledor, Armando
Profesor, polígrafo, conferenciante, articulista, dramaturgo e director teatral, fillo do académico e secretario da Real Academia Española Emilio Cotarelo Mori. Cursou estudios en Madrid e Oviedo (1889-1899), e foi catedrático de Lingua e Literatura españolas desde 1904 na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicerrector e decano da súa facultade de Filosofía e Letras. Presidiu o Ateneo León XIII. En 1909 participou na Exposición Rexional de Santiago, e dous anos despois o seu Teatro de Cervantes foi galardoado co Berwick e Alba da Academia Española. En 1919 deuse a coñecer como narrador con Palladys tyrones e a seguir editou La enseña raída (1922) e El pazo (1923). Desde 1920 foi académico da Academia Galega. A partir de 1923 converteuse no primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos. Foi membro da Academia de Historia e do Instituto de España. A súa actividade teatral centrouse en especial no período 1922-1931, logo de promover o Cadro Universitario de Teatro (1922), no que exerceu de autor, director e escenógrafo, e onde contou coa colaboración de Camilo Díaz e Tito Vázquez. En 1929 elixírono membro da Real Academia Española e na Guerra Civil posicionouse cos partidarios do levantamento militar. Desde 1939 exerceu como catedrático en Madrid. Foi nomeado Procurador en Cortes en 1949. É autor dunha obra de temática diversa (biografías, filoloxía, literatura medieval, estudios sobre a historia da arte escénica, traballos sobre Cervantes e sobre os poetas medievais Paio Gómez Charinho, Martin Codax, os irmáns Eans Mariño, etc) e colaborou en Nós, El Centenario, Galicia, Faro de Vigo, El Compostelano, El Diario de Galicia e Ultreya, publicación esta última da que foi fundador e director, e nos boletíns das academias galega e española. O seu interese pola literatura popular levouno a publicar Contos de nadal, recolleitos do pobo (1927) e Cancioneiro da agulla enxergado con doas do pobo (1931). Coñécese fundamentalmente pola súa produción dramática, caracterizada polo preciso retrato psicolóxico que fai dos personaxes, polo coidado formal e estrutural das súas obras e por unha marcada estética realista, que reflicte os mundos labrego, mariñeiro e urbano, ademais do teatro histórico. Conservador nas formas e nos asuntos, interésase pola antropoloxía cultural galega e pola lingua do país, e combina a intención didáctica coa lúdica, a galeguista coa netamente artística. Nas súas pezas -en xeral breves- aborda o tema do amor, analiza a antítese cidade-aldea, inclúe moitos elementos simbólicos e respecta as unidades clásicas, ao mesmo tempo que elabora unha prosa especialmente traballada. A peza Trebón (1922) estreouna no Teatro Principal de Santiago o Cadro Universitario (Olimpia Valencia, Mercedes G. Aller, Margarida Deulofeu, Fermín Bouza Brey, Filipe Diaz Ortega, Xermán Prieto, Xosé G. Posada Curros, Xoán Xesús González, Mª Luísa Fernández, Encarnación Rovira, Carmela Rivas, Ánxel Romero, Agostiño Rivas e Manuel López Noguerol). A obra, na que demostra o coñecemento da vida rural galega e o dominio da técnica teatral sen desconsiderar o aspecto lexicográfico, respecta as unidades de acción, tempo e lugar, e organízase en tres actos centrados no conflito que debe resolver Rosalía: buscar a súa felicidade casando con Ramón ou renunciar a ela rehabilitando o seu pai -a quen non coñecía- na súa propia condición. Ao final da obra disólvese a contradición: Rosalía casará e aceptará o bandido como seu pai mentres este debe pagar o custo da felicidade da súa filla. No I acto preséntase a don Andrés, crego, tío e padriño de Rosalía, namorada de Ramón, un labrego rico. Cibrán, pai de Ramón, pídelle ao crego a man da sobriña. Un acontecemento que ocorreu dous decenios antes enturba a acción: o pai de Rosalía leva vinte anos de miseria, presidio e pillaxe liderando unha banda de ladróns e o crego viñera da mariña á montaña tentando esquecer aqueles sucesos e criar a filla da súa irmá falecida, Dores, escena que ocupa o II acto, ambientado no escritorio do crego. Prodúcese o encontro de pai e filla ao mesmo tempo que se coñece que Dores perdoa a Manuel, quen esclarece a súa desventura: amou e foi amado por Dores e matou o “habanero” rico con quen a familia quería casala. O seu homicidio resulta así un acto de amor, ao igual ca a súa vida de bandido; neste caso cara a Rosalía, de quen reivindica a súa paternidade. Tío e pai disputan as preferencias de Rosalía e nunha pelexa Manuel fere dun disparo o crego quen, despois de ordenar a fuxida de Manuel, inventa unha coartada sen éxito que o exculpe (autoferiuse cunha carabina). No III acto o casamento parece un imposible. Cibrán desaconséllao, instado por Suíña, mais o amor de Ramón é firme. A peza Sinxebra, editada en El Eco de Santiago en 1923, estreouna o Cadro Dramático (Neves Villar, Mercedes G. Aller, Margarida Deulofeu, América Villar, Rosario Posada, Pilar Cotarelo, Filipe Diaz Ortega, Xosé Posada Curros, Xoán Xesús González e D. Pepito Deulofeu) o 10 de marzo de 1923 no Teatro Principal compostelán. É unha comedia bilingüe -fálase galego, castelán e formas híbridas- en dous pasos, na liña do teatro de pazo inaugurado por Ramón Cabanillas e defendido por Carré Alvarellos. Os personaxes sitúanse nun ambiente rural e protagonizan unha comedia sentimental que confronta o amor de conveniencia (representado por D. Luís) co amor natural e sincero (encarnado por Moncho). A peza desenvólvese no pazo montañés de D. Luís, avogado rico, viúvo e home de carreira política, con quen viven fillos e criados. A persecución da moza polo home (Moncho) é un proceso que comezou en Compostela e que continúa cando o estudante decide visitar o pazo ao que convidaran a Chelo e a súa nai. Será Nela, filla do avogado, quen máis firmemente impida o casamento do seu pai recorrendo á fábula da fada Sinxebra. A peza Lubicán foi estreada o 24 de novembro de 1924 no Teatro Principal de Santiago polo Cadro Dramático (Basilia Piñeiro, Maruxa Pérez, Matilde Docampo, Maruxa Lois, Carmo Sierra, Xosé G. Posada Curros, Xosé Teixeiro, Fermín Bouza-Brey, Xoán Xesús González, Luís Feijó, Secundino Lugrís e Ramón Martínez López) e foi dirixida polo pintor Mariano Tito Vázquez. Desenvólvese nunha aldea montañesa e trata da persecución de Inesa por parte de Damasio. A obra Hostia, lida no Seminario de Estudos Galegos o 25 de maio de 1924, é un drama nun acto organizado en base ás tres unidades de acción, espazo (cárcere de Tréveris) e tempo (un día da primavera do ano 385). No drama, ambientado nos últimos momentos de vida de Prisciliano, postula a inocencia do teólogo e sinala a ilegalidade do tribunal que o xulgou. En 1996 estreouno o Centro Dramático Galego. O drama en tres actos Beiramar, publicado en Lar en 1931 e estreado pola Agrupación Dramática Galega no Teatro Tamberlick de Vigo o 3 de agosto dese mesmo ano, sitúa a escena na ría de Arousa e céntrase nun crime pasional que acaba coa felicidade da parella protagonista. O mar reclama as vidas de Nelo, bebedor e malgastador, e Amaro, responsable e traballador. Para este, o mar é un refuxio no que esconde os seus celos e as súas frustracións ao ver a Delaira -reclamada tamén por Licano- casada precisamente con Nelo, quen morre no mar en estrañas circunstancias. No segundo acto, as relacións de Amaro e a súa cuñada -que pensa que o seu home foi asasinado- melloran e xorde o amor entre eles. No último acto, Amaro presenta o asasinato do seu irmán como a liberación dunha tiranía que pesaba sobre Delaira. Na peza Mourenza, editada en Nós en 1931 e estreada no Teatro Beatriz de Madrid o 9 de abril de 1932, respecta as leis da traxedia clásica a partir dunha lenda da Costa da Morte, influído por Valle-Inclán, prescinde do matiz costumista, da retórica verbal e da vocación didáctica de anteriores obras. Sitúa a acción nun lugar indeterminado á beira do mar e recolle as lendas sobre os naufraxios, e dá unha imaxe moi negativa da xente da ribeira. Os protagonistas, Estandarte e Rapeta, veñen na busca de Breixo para raspiñar os restos do Boemia, un dos barcos que fan naufragar para despois roubalos, coa colaboración de Lumia, nai de Breixo. Madalena, ignorante da verdade, sofre a actividade criminal da súa nai, do seu irmán e de Rapeta. En 1996 representouna a compañía Librescena. O día 12 de marzo de 1935, no Teatro María Guerrero de Madrid, estreouse a ópera Ultreya con música de Rodríguez Losada. O orixinal bilingüe consérvase no Museo de Pontevedra; posteriormente, o propio autor traduciu a peza ao castelán, con decorados de Camilo Díaz. Na ópera, protagonizada por un milagre do apóstolo, combínanse dúas historias -unha política e outra amorosa- con final feliz. En 1984 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vegadeo -
Deceso
Lugar : Madrid