Cotopaxi
Cotopaxi
Provincia de Ecuador, na rexión de Sierra, agás o extremo occidental que pertence á de Costa (5.198 km2; 299.443 h [estim 1997]). A súa capital é Latacunga (39.882 h [1990]). Na súa orografía destacan o volcán Cotopaxi (5.897 m), aínda activo, e o Ilinza (5.263 m). O clima é temperado, cunha estación de chuvias que vai de decembro a abril. A agricultura e a gandería (vacúa e ovina) son os principais recursos da provincia. Os cultivos máis importantes son o millo, os cereais, as patacas, os legumes, o café e a cana de azucre. A capital é un importante centro comercial e industrial. A estrada Panamericana e o ferrocarril cruzan a provincia de N a S. As principais cidades son Latacunga, Saquisilí e Pujilí.