Couceiro Rivas, Xesús

Couceiro Rivas, Xesús

Libreiro e editor. Logo de traballar como comercial, comezou co negocio dos libros en 1969, ano no que fundo a Libraria Couceiro. A mediados dos anos setenta, apostou polo libro galego e portugués, e no ano 1982 introduciuse no mercado do libro antigo. En 2001 forman a empresa dúas librerías en Santiago de Compostela, unha delas dedicada ao libro antigo, e outra na Coruña. Como libreiro, promoveu dende 1979 o boletín Bendado, unha publicación bibliográfica do libro galego e portugués. Así mesmo, organizou varias exposicións sobre libros galegos en Portugal (Porto, Lisboa, Aveiro, Braga e Viana) e Suíza (Xenebra e Laussane). Tamén realizou algunhas actividades no mundo editorial, tanto en Edicións do Cerne, da que foi editor, como en Laiovento, da que foi socio-fundador; ademais, participou na fundación de EDIGAL, a primeira compañía discográfica galega, que logo pasou a denominarse Clave Records. Foi presidente da Federación Galega de Libreiros e vicepresidente da Confederación de Libreiros de España e, no eido cultural, foi membro fundador da Fundación Castelao en 1984 e do Clube Nacionalista Alén Nós en 1987. Recibiu o primeiro premio Irmandade do Libro, concedido pola Federación Galega de Libreiros, e o Manuel Beiras, un premio concedido pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e polo concello desa cidade en recoñecemento a toda unha traxectoria profesional. Ademais, posúe a insignia de ouro e brillantes que outorga a Asociación de Impresores de Galicia.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Albixoi, Mesía