Courel, serra do

Courel, serra do

Sistema montañoso e espazo natural situado entre as comarcas de Ancares, Quiroga e Sarria, nos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e Samos.

Relevo e xeoloxía

Nun contexto de lousas e cuarcitas dispostas nunha serie de bandas, cunha orientación NO-SL, afloran de xeito puntual e discontinuo filóns de calcarias. Esta alternancia de materiais é a consecuencia dunha historia tectónica particularmente intensa, que tivo o seu momento de maior actividade no dobramento herciniano. En concordancia co anterior, o relevo caracterízase pola alternancia de vales estreitos con fortes pendentes asimétricas, nos que é posible detectar marcas do modelado glaciar, como é o caso do circo glaciar e das morrenas de Lucenza, na parroquia da Seara (concello de Quiroga). As máximas elevacións localízanse preto deste sector: a serra culmina nos Formigueiros, con 1.639 m de altitude, entre as parroquias da Seara (Quiroga) e Seoane do Courel (Folgoso do Courel).

Climatoloxía

Unha elevada altitude media (superior aos 1.000 m) e un relevo resolto nunha alternancia de vales con pendentes acusadas constitúen os factores topográficos que, coa súa considerable incidencia, se converten nos responsables das características dos rexistros termopluviométricos da área. Así, a altitude provoca que a temperatura media anual sexa moi baixa, ao redor dos 8°C, como resultado duns invernos moi rigorosos, nos que as temperaturas medias roldan os 0°C (e as mínimas absolutas poden baixar dos -10°C), e veráns frescos, nos que non se superan os 15°C de temperatura media mensual (aínda así, as máximas absolutas poden acadar os 31°C nos meses de xullo e agosto). Debido ao rigor térmico do inverno, moitas das precipitacións son en forma de neve.

Flora e fauna

A serra do Courel presenta un alto interese botánico, xa que aínda que só ocupa o 1% do territorio, as preto de 1.000 especies presentes supoñen o 40% do total da flora galega; destacan numerosas especies endémicas asociadas, as máis das veces, aos substratos calcarios. Esta diversidade é froito da confluencia xeográfica dos ambientes mediterráneo e eurosiberiano -polo que na flora do Courel existen especies propias destes dous medios- e do forte gradiente de altitudes que permite que neste pequeno espazo sexan veciñas dende as plantas termófilas das beiras do Sil ata as herbáceas das pradeiras alpinas dos cumes. Dos medios vexetais destacan as devesas, que constitúen restos da antiga manta forestal autóctona e que se mantén acantoada en lugares de difícil acceso e con dificultades para arder. Están, polo tanto, dispostas nas cabeceiras dalgúns ríos, en lugares húmidos e con forte pendente. As árbores máis comúns nestas devesas son os carballos, os cancereixos e os bidueiros. Tamén están representados outros como acivros, teixos e faias. Estas últimas teñen nestas serras o límite occidental da súa distribución europea. As devesas en mellor estado de conservación son as de Rogueira, en Moreda; Cervo, en Soldón; e Escrita, en Paderne. Os aciñeirais aparecen nos solos calcarios das ladeiras con forte pendente de solaina, feito que favorece o drenado do substrato e mellores condicións térmicas. Nelas, as aciñeiras están acompañadas doutras árbores como sobreiras e érbedos. As reboleiras constitúen bosques de carballos cerquiños dispostos en posicións de solaina sobre solos acedos. O home substituíu a maioría destes bosques por soutos, que acadaron un papel fundamental na economía familiar dos habitantes desta serra. As beiras dos ríos están poboadas por bosques ripícolas en galería formados, fundamentalmente, por amieiros e pradairos. Non obstante , a maior parte da superficie da serra está ocupada pola matogueira, que substitúe o espazo orixinal dos distintos tipos de bosques orixinarios. Entre a fauna vertebrada, composta por máis de 160 especies, destaca a presenza da lagarta da serra, o lobo, o gato bravo, a marta, a aguia real, a aguia albela, a tartaraña cinsenta e a gatafornela.

Poboamento humano

A poboación distribúese de xeito disperso en pequenos asentamentos; nos 5 concellos polos que se estende esta área natural (Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Triacastela e Samos), que suman unha superficie de 834,19 km2, hai un total de 359 entidades de poboación (1996), aínda que só 110 están habitadas; isto significa unhas densidades de 13,6 h/km2e 103 h en cada núcleo de poboación habitado (nestas cifras inclúense tamén territorios destes concellos que quedan á marxe do espazo montañoso que constitúe O Courel, polo que as densidades teñen que ser aínda inferiores). O reducido volume demográfico deste territorio é consecuencia das dificultades para a supervivencia no medio de alta montaña, polo que a emigración foi especialmente intensa ao longo do s XX (como se pode apreciar polo número de entidades abandonadas): ás dificultades intrínsecas para o desenvolvemento das actividades agropecuarias engadíanse tamén as deficiencias nas comunicacións, que non permitían unha comercialización doada dos recursos naturais da comarca (especialmente as pedras ornamentais, como a lousa) nin a posta en marcha de iniciativas industriais ou de calquera outro tipo. A entrada en servizo da Autovía do Noroeste (A-6), concluída en 2001, chegou nun momento no que a situación demográfica era dramática, cuns índices de avellentamento da poboación elevadísimos, pois case que un terzo dos residentes dos concellos citados superan os 65 anos de idade. Con este grao de avellentamento a evolución da poboación foi tan negativa que as taxas de crecemento anual no período 1996-1998 oscilaron entre o -3,27% do concello de Quiroga e o -1,09% de Samos.