Cousteau, Jacques-Yves

Cousteau, Jacques-Yves

Oceanógrafo e naturalista francés. En 1930 ingresou na Academia Naval Francesa e foi oficial da Mariña ata 1956. En 1943 inventou e patentou, xunto co enxeñeiro Émile Gagnan, o escafandro autónomo denominado Aqualung. Ideou tamén un somerxible bipraza e un dispositivo para filmar baixo a auga. Trala Segunda Guerra Mundial creou, xunto co comandante Philippe Tailliez e Frédéric Dumas, unha unidade de investigación subacuática. A bordo da nave oceanográfica Calypso, explorou dende 1950 os océanos e dirixiu numerosas campañas científicas, tecnolóxicas e cinematográficas. Fundou o Groupe d’Études et de Recherches Sous-marines (Toulon, 1946) e a Office Française de Recherches Sous-marines (Marsella, 1952), chamada dende 1968 Centre d’Études Marins Avancés. En 1973 fundou a Cousteau Society, que dirixiu ata a súa morte. Entre 1957 e 1988 dirixiu o Museo Oceanográfico de Mónaco. Realizou máis dun centenar de documentais cinematográficos submarinos. Coa súa primeira longametraxe, titulada Le monde du silence (O mundo do silencio, 1955), obtivo a Palme d’Or en Cannes (1956) e un Oscar (1957). Coa súa segunda longametraxe World without Sun (O mundo sen sol) conseguiu outro Oscar e o Premio do Cine Francés para a Xuventude. É tamén autor dunha ampla bibliografía sobre a divulgación do mundo submarino, da que cómpre salientar: Viaxe de Cousteau ao Amazonas (1984), Jacques Cousteau/Baleas (1988), As illas do Pacífico (1990), A illa dos Espíritos (1995) e O mundo dos golfiños (1995). Foi membro da National Academy of Sciences de EE UU, do Programa Global de Protección Ambiental das Nacións Unidas, da Academia Francesa e do Consello Asesor das Nacións Unidas para o Desenvolvemento. Ademais foi doutor honoris causa polas universidades de California, Brandeis e Harvard. Recibiu gran número de premios, entre os que destacan a Medalla de Ouro da National Geographic Society (1970), o Premio Internacional sobre o Medio Ambiente das Nacións Unidas (1977), a Medalla Presidencial da Liberdade en EE UU (1985) e o Premio Neptuno (1991).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Saint

  • Deceso

    Lugar : Cubzac, Gironde

  • Deceso

    Lugar : París