Coustou
Familia de escultores franceses activa durante os ss XVII e XVIII. O iniciador da estirpe, François Coustou (?-Lyon 1690) foi entallador en Lyon e escultor do rei. Os seus fillos, Nicolas e Guillaume, foron discípulos seus e do seu cuñado Antoyne Coysevox. Nicolas Coustou (Lyon 1658 - París 1733), pensionado en Roma en 1682, foi profesor da Academia de Belas Artes dende 1702. Traballou co seu irmán na decoración dos palacios de Versailles, Trianon e Marly. Colaborou na decoración externa dos Invalides e fixo a Piedade (1725) de Notre-Dame de París. Guillaume I Coustou (Lyon 1677 - París 1746) estivo tamén pensionado en Roma e foi profesor da Academia dende 1715. Da súa produción destacan os cabalos realizados para o palacio de Marly (1745), situados trala praza da Concorde de París, o busto de Nicolas Coustou e a estatua de Luís XVIII de Notre-Dame de París. O seu fillo Guillaume II Coustou (París 1716-1777) foi o seu discípulo. Entre as súas obras destacan a estatua de Vulcano e as tumbas do delfín de Francia e a súa dona na catedral de Sens. O seu irmán Charles Pierre Coustou (París 1721-1797) foi arquitecto. Traballou no palacio La Muette e na igrexa de Saint-Roch de París.