Cova, San Xoán da

Cova, San Xoán da

Igrexa parroquial situada en Carballedo. Pertenceu a un antigo mosteiro de monxas beneditinas que en 1507 se anexionou a San Paio de Antealtares. En 1952, por mor da construción do encoro de Belesar, trasladouse do seu lugar orixinario. Descoñécese a data de construción do templo (1230?), aínda que por unha inscrición da portada occidental se sabe que a sufragou un soldado chamado Petrus Garsie. A igrexa conserva restos prerrománicos dunha obra anterior, ten nave única e ábsida semicircular precedida dun tramo recto. No interior destaca o arco triunfal de medio punto, peraltado e dobrado, coa rosca maior decorada cunha media cana que alberga botóns, mentres que a aresta presenta molduras. Arredor disponse unha chambrana de arquiños de medio punto colocados de forma radial. O menor apóiase en columnas imbuídas con bases áticas e capiteis cubertos por entrelazos ou follas estilizadas. O arco faixón que reforza a bóveda de canón do presbiterio presenta uns capiteis semellantes. No semicírculo absidial ábrense tres seteiras que dan luz directa. No exterior, a ábsida refórzase con catro columnas entregadas con bases áticas e capiteis vexetais. A fiestra central presenta unha estrutura completa no exterior, os seus capiteis e bases son similares aos do interior. Baixo o beiril hai unha sucesión de arquiños de medio punto. A portada occidental presenta unha tripla arquivolta de medio punto lixeiramente apuntada e sostida por seis columnas acobadadas, as dúas roscas menores adórnanse con medias canas con botóns, mentres que a maior presenta un bocel abrazado por arquiños de medio punto peraltados. Os capiteis son vexetais e moi estilizados. No muro setentrional da nave atópase baixo arco apuntado un sepulcro coa figura xacente dunha muller. Tamén existe unha porta, abucinada con dúas arquivoltas e tímpano liso, que pertenceu a unha capela anexa desaparecida tralo traslado da igrexa. A porta meridional ten un tímpano sobre mochetas co muro rodeado por un arco de descarga. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1950.