covada
(
Fenómeno consistente na simulación por parte do home das dores de parto e do comportamento da muller cando dá a luz. Esta simulación prodúcese tralo parto: a nai cédelle o seu lugar no leito ao pai, a quen coida coma se fose o verdadeiro convalecente. A primeira referencia a esta práctica en Galicia ofrécea Estrabón; segundo este autor, nos pobos do norte da Iberia (entre os que inclúe os galaicos), era costume que as mulleres, nada máis dar a luz, cedesen o leito aos seus homes e se dispuxesen a coidalos. No Itinerario descritivo das provincias de España e das súas illas e posesións do Mediterráneo, escrita por Alexander Laborde no 1809, realízase unha referencia explícita á covada en Galicia; este autor aclara que “os galegos dos nosos días (s XIX) distan moito da barbarie dos seus antepasados”. García y Bellido, nun artigo publicado en 1947 nos Cuadernos de Estudios Gallegos, malia que consideraba a covada extinguida, desvelaba que aínda se puideran recoller noticias verídicas sobre esta práctica en Galicia, Asturias e noutros territorios do N de España. A práctica da covada consérvana algúns indíxenas de América Central e do Sur. Ademais, o costume de certas bisbarras alemanas e suízas de expor a camisa do home da parturiente, ou de que a nai vista os pantalóns do seu home na súa primeira saída da casa tralo parto, son interpretados por algúns etnólogos como vestixios deste fenómeno.