Coventry
Coventry
Cidade de Inglaterra, Reino Unido, no condado metropolitano de West Midlands, preto dos ríos Avon e Trent (306.503 h [1996]). Trátase dun núcleo industrial bastante diversificado, no que predominan as industrias do sector téxtil, metalúrxico, aeronáutico, electrónico, da automoción, da maquinaria agrícola e das telecomunicacións. Foi reconstruída despois da Segunda Guerra Mundial, período no que sufriron danos moitos dos seus edificios, incluída a catedral de Saint Michael (s XIV). A nova catedral, obra de Basil Spence (1951-1962), conserva a torre e a armazón da antiga nave.