Coypel

Coypel

Familia de pintores franceses activa durante os ss XVII e XVIII. Noël Coypel (París 1628 - 1707) traballou na decoración dos palacios de Tuilleries e de Versailles. Dirixiu a Académie Française en Roma e a Académie Royale de París. O seu fillo, Antoine Coypel (París 1661 - 1722) foi protexido de Bernini durante a súa estadía en Italia (1673-1676). Ao regresar a Francia traballou para o gran delfín e para o rexente. Decorou a galería (1702) e a capela (1709) do palacio real de Versailles. Dos seus cadros de cabalete destaca Demócrito. Foi director da Académie Royale dende 1714. As obras do seu irmán Noël Nicolas Coypel (París 1690 - 1734), con composicións de carácter mitolóxico e alegórico, Venus, Baco e o amor, preludiaron a arte de Boucher. Charles Antoine Coypel (París 1694 - 1752), fillo de Antoine, destacou na pintura de xénero e no gravado. Entre as súas obras cómpre salientar os debuxos realizados para as representacións teatrais de Molière. Foi director da Académie Royale de París dende 1747 e primeiro pintor do rei. Escribiu diversas comedias e traxedias.