Cracovia
Capital do voivodato de Polonia, drenado polo río Vístula (740.500 h [1997]). É o centro industrial, cultural e educativo máis importante do S de Polonia. A extracción de carbón e cinc é a industria máis importante, xunto coa produción de ferro e aceiro nas fábricas Lenin, un dos complexos industriais máis grandes de Europa. A agricultura (viña) e a gandería son un complemento importante na súa economía. Tamén é un destacado nó de comunicacións, con numerosas estradas e ferrocarrís que a unen coa capital. Principal foco cultural e científico do país despois de Varsovia, é sede da Unniwersytet Jagiellonski, establecida en 1364 por Casimiro o Grande. A cidade, fundada probablemente antes do s IX, foi sé dun bispado no s XI e sufriu diversas incursións mongois ao longo do s XIII. En 1257 recibiu o estatuto de cidade. No s XIV converteuse en capital de Polonia e comezou unha época de expansión e prosperidade. A perda da capitalidade (1609) diminuíu a súa importancia política. En 1794 foi escenario da revolta dirixida por Koscinsko, que quería pór fin ás reparticións de Polonia. Entre 1795 e 1809 pertenceu a Austria, ata que Napoleón a incorporou ao ducado de Varsovia. O Congreso de Viena (1815) estableceu a república independente de Cracovia baixo a protección de Rusia, Prusia e Austria. Trala Primeira Guerra Mundial retornou a Polonia e durante a Segunda Guerra Mundial foi ocupada polos alemáns (1939-1945) e liberada polas tropas soviéticas. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral de Santo Estanislao (s XI), destruída por un incendio e reedificada durante a segunda metade do s XIV en estilo gótico. Entre as numerosas igrexas da cidade cómpre destacar a de Santa María (s XII) e a de San Pedro e San Paulo (ss XVI-XVII). Conserva tamén a fortaleza do s XV, a barbacá e as murallas. Entre os edificios civís destacan o castelo real no Wawel, construído no s XIV e renovado durante o Renacemento, a Casa Veneciana, un palacio do s XVI, e a torre do s XVI coñecida como casa consistorial.