Cremona

Cremona

Capital da provincia homónima, na Lombardia, Italia (71.686 h [estim 1999]). Situada na marxe esquerda do río Po, nunha fértil chaira aluvial, onde se cultivan cereais e forraxes destinados á cría de gando bovino. É un importante núcleo comercial, onde os principais produtos manufacturados son a seda, o liño e a maquinaria. Tamén destaca a fabricación de instrumentos musicais de corda; dende o s XVI estiveron alí os talleres Amati, Gurmeri e Stradivarius. No ano 218 converteuse nunha colonia da Galia Cisalpina. Durante a Idade Media estivo en poder dos godos, dos hunos e dos longobardos. No 1098, baixo o poder dos bispos, chegou a ser unha cidade libre. En 1334 foi anexionada aos Visconti e, máis tarde, aos Sforza. Do 1449 ao 1509 formou parte da República de Venecia. Posteriormente, pasou alternativamente ao poder de Francia e Austria, ata que en 1860 se incorporou ao Reino de Italia. Os principais monumentos arquitectónicos da cidade están na Piazza del Comune: a catedral de San Archelao e San Imerio comezou a súa construción en 1107, pero o terremoto de 1117 obrigou á súa reconstrución ao longo do tempo en diferentes estilos: románico, gótico e renacentista; o baptisterio do s XII; o Torrazzo, campanario do s XIII; o Palazzo Comunale do s XIII e a loggia dei Militi do s XII. Entre as institucións culturais da cidade destacan o Museo Stradivariano, o Museo della Civiltá Contadina e o Museo di Storia Naturale.