crenza

crenza

(

  1. s f

    Idea que alguén ten sobre certa cousa dun xeito seguro e conforme.

    Ex: A crenza popular é que existen as meigas.

    Confrontacións: opinión.
  2. s f pl
    1. Cousa na que alguén cre, asentindo cos seus principios e na súa veracidade.

      Ex: A súa actuación é conforme coas súas crenzas políticas.

    2. Convencemento relixioso que alguén profesa.

  3. s f [FILOS]

    Proposición que se considera verdadeira malia que non estea verificada nin sexa verificable. Para os racionalistas constituía unha resultante da evidencia dos principios innatos, mentres que para os empiristas facía referencia á aquiescencia por parte do suxeito cognoscente aos datos subministrados polos sentidos, e segundo Hume fundamentaba a causalidade. Kant consideraba que era a condición necesaria para aceptar a noción de liberdade e fundamentar as condutas e os xuízos morais. Os pragmatistas tenderon a relacionar estreitamente as crenzas cos costumes e cos hábitos, e consideraron as diversas modalidades de acción ou conduta como reflexo da diversidade de crenzas. Para Nietzsche, é un acto de afirmación anterior a calquera outra actividade. Os existencialistas, en conxunto, puxeron de relevo o aspecto da crenza como convencemento e o compromiso que comporta para que se acepte como tal. Por unha banda, uns filósofos analíticos distinguen unha clase de proposicións nas que se empregan diversas expresións de crenzas que forman parte do discurso indirecto e que se opoñen á denotación, e, por outra, outro grupo de filósofos analíticos optaron por construír unha lóxica específica para este tipo de proposicións.