crepúsculo e as formigas, O
Libro de relatos publicado por Xosé Luís Méndez Ferrín en 1961. Componse de dez narracións nas que o elemento fundamental é a violencia. Son episodios tomados dunha realidade adversa e miserable, que produce seres insatisfeitos e atormentados, sometidos ao destino implacable e inexorable da morte. A modo de limiar, aparece unha voz que describe en primeira persoa un solpor ao que asiste dende o piso máis alto dun edificio, nun momento no que hai “unha brétema moi lixeira e algo roxa (…), os perfiles das cousas deixan de ser concretos (…) e os homes son como formigas na vila sen nome”. Presenta uns personaxes que pertencen a unha sociedade marxinal e agresiva, na que a violencia é parte do absurdo da existencia, presentada por pura determinación natural, como no relato “Ramil, Ramil, vas morrer Ramil”, onde a víctima é o presunto asesino, ou en “Cabeza fendida”, onde a morte accidental remata cunha relación amorosa. Non obstante , non aparecen esixencias de compromiso social, nin concesións ao sentimentalismo. A sordidez plásmase a través dunha perspectiva realista, nalgúns casos mesmo naturalista (“Boas noites, Eire”, “A casa azul”, “Ramil, Ramil, vas morrer Ramil”), que sitúa as accións en lugares que corresponden a unha toponimia coñecida (Vigo, Alcabre, Samil, Pereiró e Santiago de Compostela) ou que carecen de referencia xeográfica. Os personaxes, dos que na maioría dos casos non se coñece a idade nin o nome, caracterízanse psicoloxicamente a través dos diálogos ou no discorrer do pensamento que ofrecen os monólogos. Empréganse diversas voces narrativas, pero a máis frecuente é a dun narrador-observador que transmite a acción a un descoñecido destinatario, ás veces identificado cun lector potencial. A primeira persoa emprégase no episodio de “O Suso” e no monólogo “Diario”, e a segunda persoa no texto epistolar “Dúas cartas a Lou”, no que se perfilan con nitidez as figuras do narrador, Ramón Fraiz, que vive en Vigo, e do destinatario, que vive nun inexistente Puech Merlhou. Os feitos desenvólvense en poucas horas, e os textos non amosan apenas referencias temporais; tan só nos casos de “Diario” e “O Suso” se marca o tempo. En xeral, o tempo aparece distorsionado, sen límites entre o pasado, o presente e o futuro, de xeito que ás veces existen transposicións temporais, como en “Dúas cartas a Lou”, onde se vai do presente ao pasado, facendo que unha vella se convirta en moza, ante o abraio do protagonista, en referencia aos mitos clásicos do eterno retorno e da muller-nai. A escuridade, elemento simbólico, anticipa as circunstancias tráxicas ou violentas, e os escenarios de penumbra propician temores, angustias, inquietudes e mesmo morte, ata o punto de ser causa aparente da morte dos personaxes, como en “Os homes e a noite”, onde un home e un neno morren a causa dun malentendido provocado pola escuridade da noite.