Cresconio

Cresconio

Bispo compostelán. Segundo algunhas fontes foi discípulo de san Rosendo e prior do convento de Celanova con anterioridade ao seu traslado a Santiago de Compostela, onde probablemente foi membro do clero catedralicio, antes de se converter en bispo ao redor do ano 1037. Durante o seu bispado buscou a educación do clero e a disciplina eclesiástica, fortificou as Torres do Oeste en Catoira, edificou unha nova muralla en Santiago de Compostela e dúas torres fronte á catedral para protexela dos continuos ataques normandos. Realizou ademais importantes obras nas catedrais de Braga e Iria Flavia. Asistiu no 1050 ao Concilio de Coyanza e no 1065 a un concilio en Santiago de Compostela.