Crespo Pozo, Xosé Santiago
Polígrafo. Descendente por vía paterna dunha familia entroncada cos Sarmiento e Soutomaior, entre outras liñaxes, estudiou nos colexios de xesuítas e salesianos en Vigo. Con once anos entrou como postulante no convento mercedario de Sarria, onde completou o ciclo de humanidades, previo ao noviciado. Tomou o hábito en 1924 e fixo os estudios de filosofía e teoloxía no mosteiro de Poio; alí influíron na súa formación as ensinanzas de mestres como o historiador galego Guillerme Vázquez Núñez. Recibiu a ordenación sacerdotal en Santiago de Compostela o 19 de agosto de 1931. Foi capelán militar na Guerra Civil española, na que estivo a piques de morrer en 1939, en Cartagena. Dentro da orde mercedaria, ocupou os postos de consiliario de Acción Católica en Poio, organización que el mesmo fundara (1935); mestre de Estudiantes, tamén en Poio (1939-1942); comendador dos conventos de Sarria (1942-1945), de Lima (1951) e de Bogotá; moderador provincial da Orde Terceira e da Obra de Vocacións Mercedarias; predicador provincial e profesor nos seminarios de Poio e Sarria e no colexio Tirso de Molina de Ferrol. Participou en diversas misións, como a de Bos Aires, en 1960. Desde moi pequeno recibiu unha ampla formación humanística, que abranguía as linguas clásicas e as súas literaturas, varias linguas modernas (alemán, inglés, francés, italiano e portugués), a literatura castelá e as belas artes, en particular a arqueoloxía, a pintura, a arquitectura e a música. Baixo a influencia dos clásicos españois, así como de Píndaro e Horacio, compuxo poesías na súa mocidade, algunhas delas continúan inéditas. Para ampliar estudios sobre Píndaro en Grecia recibiu unha bolsa da Fundación March, pero non puido rematar a súa estancia ao poñerse enfermo. Na posguerra, escribiu sobre todo de temas espirituais, haxiográficos e relacionados coa orde mercedaria. Non obstante , acabou por centrar a maior parte da súa actividade no campo da historia, sobre todo nas ramas da xenealoxía e da heráldica, e no da filoloxía, nos que se encadran as súas obras máis destacables: Blasones y linajes de Galicia e Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galáico-portugués). En Blasones y linajes de Galicia, investigou as liñas xenealóxicas e a riqueza heráldica de Galicia. Foi publicada por Bibliófilos Gallegos en Santiago de Compostela (vol I, Heráldica de Galicia, 1957; vol II, Parte genealógica (A-F), 1962; vol III, Parte genealógica (G-M), 1965). Xa postumamente, en 1982, La Gran Enciclopedia Vasca fixo a segunda edición, en cinco volumes, completada segundo as fichas do propio autor, que foron transcritas e revisadas polo bibliotecario de Poio, Ricardo Sanlés Martínez, e por Xosé Bereciartúa Olarra. En 1997, Ediciones Boreal realizou unha nova impresión en catro volumes. A Nueva contribución (vol I: A-F, 1972; vol II: F-J, 1979; vol III: L-P, 1982, preparado, como o volume seguinte, por Ricardo Sanlés Martínez; vol IV: Q-Z, 1985) veu completar e enriquecer a Contribución a un vocabulario castellano-gallego (1963), con prólogo de Vicente García de Diego. Se nesta primeira Contribución as fontes eran tanto documentais coma da fala viva, coa importante achega da localización das formas rexistradas, a Nueva contribución incorporou ademais textos do galego-portugués, feito que lle fixo ver a necesidade de recuperar moitas palabras que caeran en desuso, e etimoloxías. Con esta obra, na que declara ter como modelo a Sarmiento, pretendía contribuír a un maior coñecemento da formación e do desenvolvemento da lingua, así como defender a riqueza e a antigüidade do galego e a débeda do castelán con el. Outras obras da súa autoría son: El Venerable Jerónimo Rodríguez de Valderas, Mercedario, Obispo de Badajoz y Jaén (s. a.); Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935), tradución do texto castelán da obra de Sobrino Buhigas pola que foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega; Vida y favores del siervo de Dios Fr. Antonio Pisano (1940), traducida do italiano; Santa Trahamunda (Leyenda Sacra) (1943); Espejo de juventudes: Diego Díaz de Rábago (1944); Diario espiritual mercedario (vol I, De la perfección, 1959; vol IX, Postrados a tus pies... (Mes de Nuestra Santísima Madre), 1953); “Píndaro” (Estudios, 1945-1946); “La Universidad de San Marcos y la Orden de la Merced” (El Comercio, 1951); “Linajes de Galicia en el Perú” (Revista del Instituto Peruano de Investigaciones Genealógicas, 1953), discurso de ingreso no Instituto Peruano de Investigaciones Genealógicas; “Ascendencia gallega de Bolívar” (separata da revista Ximénez de Quesada, 1953); “Datos genealógicos de los Inclán y los Valle-Inclán” (El Museo de Pontevedra, 1955); “El Linaje de Malvar” (El Museo de Pontevedra, 1956); “Nombres de embarcaciones” (El Museo de Pontevedra, 1956); “Un linaje lucense olvidado: los Berbetoros” (Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1956-1957); “Los Mariños y Mariño de Lobeira” (El Museo de Pontevedra, 1957); “El priorato de Santa María la Real de Junquera de Ambía” (Estudios, 1964-65); “Santa María de Pontevedra. Labras heráldicas y enterramientos de familias hidalgas” (Estudios, 1962); “Interpretación de algunos curiosos topónimos de Redondela y de sus municipios” (Grial, 1970); “A biblia medieval portuguesa compre chamala galego-portuguesa” (Grial, 1971); “Apuntes para la Genealogía del Padre Sarmiento” (Cuadernos de Estudios Gallegos, 1972); “Pol-o San Martiño proba o teu viño” (Galicia, 1973); e “25 topónimos de Xunqueira de Ambía y su municipio: su significación y breve etimología” (Grial, 1973). Foi membro correspondente da Real Academia Galega (1943), do Instituto Peruano de Investigaciones Genealógicas (1951), do Instituto Genealógico Brasileiro (1953), de The American Society of Heraldry (1953), do Instituto Genealógico de Guayaquil (1953), da Academia Costarricense de Ciencias Genealógicas (1953), do Instituto Chileno de Investigaciones Genealógicas (1953), do Instituto Argentino de Ciencias Genealógicas (1953), da Academia Mexicana de Genealogía y Heráldica (1954), do Instituto Internacional de Genealogía y Heráldica, da Federación de Institutos Genealógicos Latinos, da Academia Guatemalteca de Ciencias Históricas, Genealógicas y Heráldicas, da Academia Mota-Padilla, de Guadalajara (México), do Collegio Araldico de Roma e da Real Academia de la Historia (1977). Así mesmo, foi socio de honor da Asociación dos Pazos (1976).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Redondela -
Deceso
Lugar : Xunqueira de Ambía