Creta
Illa de Grecia, entre o mar de Creta ao N e o Mar Mediterráneo ao S (8.336 km2; 540.054 h [1991]). Constitúe unha rexión administrativa de Grecia e está dividida en catro nomoí. A súa capital é Heráklion.
Xeografía
O relevo é montañoso e está formado por macizos calcarios, separados por depresións, e paralelos á costa. A costa meridional é abrupta e escarpada, coas maiores altitudes (Lévka Óri [2.454 m]) da illa, mentres que a setentrional está recortada con amplas baías. O clima é mediterráneo, moi seco. A garriga é a principal formación vexetal. A base da súa economía é a agricultura, sobre todo o cultivo de oliveiras, que se realiza dunha forma industrial. Outros recursos importantes do sector primario son a viña, os cereais e a gandería. Os xacementos de ferro, cinc, chumbo, manganeso, lignito e cobre, malia a súa riqueza, están pouco explotados. As principais industrias son a química, sobre todo a elaboración de xabóns, a alimentaria e a téxtil. O turismo medrou nos últimos anos e constitúe unha nova e importante fonte de recursos. A rexión central e a setentrional son as máis poboadas.
Historia
Os primeiros poboadores coñecidos de Creta deixaron as súas pegadas no xacemento de Cnosos entre o pospaleolítico (6000 a C) e o Neolítico recente, a comezos do III milenio a C. Dende aquela desenvolveuse na illa a denominada cultura minoica, na que se distinguen tres fases ben diferenciadas. A primeira, a prepalaciana (2600-1900 a C), dependía do comercio marítimo e da artesanía. A segunda, a protopalaciana (1900-1700 a C), caracterizouse pola aparición dunha forma de escritura pictográfica coñecida como liñal A, pola construción dos denominados palacios e polo establecemento da figura do monarca como líder da vida política e relixiosa. Durante a derradeira fase, coñecida como neopalaciana (1700-1400 a C), que se desenvolveu logo dun período caracterizado pola destrución dos palacios, produciuse unha reconstrución masiva acompañada da colonización das illas de Melos, Rodas e Citera. A civilización minoica, a partir do 1400 a C, sufriu influencias micénicas, procedentes do continente grego cando se adoptou o sistema de escritura denominado liñal B e a lingua grega. Creta pasou a formar parte do dominio dórico, co centro no Peloponeso, durante as grandes invasións en Grecia no s X a C e recibiu un goberno dominado polos invasores. Formou parte do mundo grego ata que entre o 69 e o 67 a C foi conquistada polos romanos e se incorporou como provincia unida á Cirenaica. Coa división do Imperio Romano pasou aos bizantinos, ata que no 823 foi ocupada por musulmáns de orixe andalusí, que estableceron nela unha república islámica ata a reconquista de Creta polos bizantinos no 961. Despois da Cuarta Cruzada, os venecianos mercaron a illa (1204) e sometérona a un réxime opresivo, feito que orixinou frecuentes revoltas dos cretenses e diversos intentos de conquista por parte dos otomanos en 1538, 1567, e o definitivo en 1644. Polo acordo asinado cos turcos no 1669, a illa pasou aos otomanos, coa excepción das cidades de Suda e Spingola. A loita pola unificación de Grecia incidiu na situación interna da illa e producíronse varias revoltas contra os turcos. A intervención de Francia e Rusia impuxo un réxime autónomo en 1878, pero o sentimento patriótico rexurdiu e, logo da insurrección de 1896, os gregos interviñeron e Turquía abandonou a illa. O golpe de Estado dos partidarios da enousis (1908) orixinou a unificación con Grecia, cumprimentada definitivamente ao remate da guerra greco-turca de 1912. A illa foi ocupada polos alemáns na Segunda Guerra Mundial dende o 1941 ata finais do 1944.