Cristal
Prenome feminino derivado do grego κρύσταλλος, a través do latín crystallus ‘xeo, cristal’. A Virxe do Cristal está situada na capela maior dunha pequena ermida do lugar do Cristal, na parroquia de Vilanova dos Infantes (Celanova). A pequena imaxe gárdase nun vidro de forma ovalada duns 5 cm de diámetro que se atopou no s XVII; o vidro está engastado amodo de relicario nunha estrutura de prata con forma de baldaquino, rematado nunha coroa e adornado con pedras preciosas. O día maior da súa festa (15 de setembro) o relicario colócase, para a adoración dos fieis, nunha columna de prata sobredourada que se encaixa nunhas andas. Manuel Curros Enríquez recolleu a lenda popular desta Virxe no seu longo poema narrativo “A Virxe do Cristal” (1877). A historia transcorre en 1630 e os protagonistas son unha parella de namorados: Rosa e Martiño, pastora e xornaleiro, respectivamente, do mesmo señor. Xan de Ventraces, tamén namorado da rapaza, cuestiona a súa virtude e consegue que Martiño a abandone. A moza é consolada, daquela, pola Virxe e ao día seguinte cae do ceo un lóstrego coa súa imaxe. Martiño descobre a imaxe da Virxe cando cavaba a terra coa eixada, pero non lle presta atención; será Rosa quen a localice logo e a converta en símbolo e testemuña da súa pureza. Ao final a moza ingresa nun convento, Martiño víngase de Xan arrincándolle a lingua e morre conxelado á beira do convento onde se enclaustrara Rosa. A festividade relixiosa celébrase os días 14, 15 e 16 de setembro. Na tradición oral recóllense ditos que amosan a devoción popular cara a Virxe: “Rapazas de Vilanova, / ben vos podedes gabar: / que non hai Virxe no mundo / coma a Virxe do Cristal”, “A señora do Cristal, / tres días hai que vai fóra, / foi visitar os enfermos / á vila de Vilanova”.