Cristal
Revista literaria bilingüe aparecida en Pontevedra a partir de xullo de 1932 e que rematou de publicarse en xuño de 1933. Editouse nos obradoiros tipográficos de X. Antúnez. A dirección literaria correu a cargo de Xoán Vidal Martínez, Antonio Díaz Herrera e Xosé María Álvarez Blázquez, mentres que coordinaban os apartados literarios Turas e Alexandre de la Sota. Seguiu a liña vangardista cultural marcada polos membros da Xeración do 27 e contou coa colaboración de destacados intelectuais e escritores como Antonio Fraguas, Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres, Álvaro de Las Casas, Losada Diéguez, Afonso Castelao e Federico García Lorca, a quen lle dedicaron un número extraordinario na súa última visita a Galicia. Incluíu ilustracións de Carlos Maside, María Monteagudo, Pintos Fonseca e Fernando Alonso. Nesta publicación aparecen os primeiros artigos dun grupo de mozos que conformaron a chamada escola lírica pontevedresa, fundada por Xoán Bautista Andrade Tojedo; seguiron o camiño marcado polo poeta Juan Ramón Jiménez e sinalaban a Luís Amado Carballo como o continuador da liña marcada por Andrade Tojedo. Do mesmo xeito ca outras publicacións, como Alfar ou Ronsel, nas súas páxinas aparecen poemas e traballos de autores hispánicos, como Gabriela Mistral ou Vicente Huidobro, e composicións de Manuel Antonio.