Croce, Benedetto
Filósofo, historiador, crítico de arte e político italiano. Comezou a súa andaina política como senador (1910), ministro de Educación (1920-1921) e, trala caída do fascismo, foi ministro (1944), presidente do Partido Liberal (1947) e deputado e senador (1948). Fundou en Nápoles o Instituto de Estudios Históricos (1947). A primeira sistematización da Filosofia dello spirito (Filosofía do espírito), corpus do seu pensamento, foi L’estetica come scienza dell’espressione e linguistica generale (A estética como ciencia da expresión e da lingüística xeral, 1902), na que identificou o espírito coa realidade enteira e distinguiu catro formas de actividade espiritual: a teorética e a práctica que, xeminadas en formas individuais, deron a fantástica e a económica; e divididas en formas universais produciron o pensamento lóxico e a acción moral. Entendeu a arte como unha intención lírica, como unha imaxe fragmentaria da realidade. En Il carattere di totalitá nell’espressione artistica (O carácter de totalidade na expresión artística, 1917), a arte identificouse coa intuición cósmica, que recolle o infinito no finito. L’estetica propuña a indivisibilidade da poesía. En Le definizione del romanticismo (A definición do romanticismo, 1906) indicou a totalidade estética do clasicismo e a parcialidade do romanticismo, que posteriormente considerou dous momentos necesarios da obra de arte: o da forma ou da intuición e o do contido ou o sentimento. En Aesthetica in nuce (1928) afirmou que o fundamento da poesía era a consciencia moral e identificou a literatura coa intuición pura, a vontade práctica ou o concepto. La poesia (1936) definiu a forma literaria como a harmonía entre as formas de expresión poética e non poética. En L’estetica, a linguaxe era expresión e como un feito interno identifícase coa arte e irredutible cara á norma; a lingüística coincide coa estética no campo teórico e coa crítica literaria no campo práctico, pero teñen tamén a lingua común. En La filosofia del linguaggio e le sue condizioni presenti: discorsi de varia filosofia (A filosofía da linguaxe e as súas condicións presentes: discursos filosóficos, 1945) afirmou que a lingua que non coincide coa arte era unha institución práctica e a lingüística, unha disciplina autónoma de carácter histórico. O segundo momento da súa filosofía foi a Logica come scienza del concetto puro (A lóxica como ciencia do coñecemento puro, 1905). Para xustificar todo concepto negativo, definiu o concepto, en sentido concreto, como a unidade de dous conceptos opostos. O obxecto da Filosofia della pratica. Economia ed etica (Filosofía da práctica. Economía e ética, 1909) é a vontade práctica do particular (economía) e do universal (ética). En Teoria e storia della storiografia (Teoría e historia da historiografía, 1917), a historia é unha forma de coñecer o particular; en Il carattere della filosofia moderna (O carácter da filosofía moderna, 1917) o coñecemento histórico identifícase co conceptual ou filosófico do universal. Escribiu tamén, entre outras obras, La Spagna nella vita italiana durante la Rinascenza (España na vida italiana durante o Renacemento, 1914), Breviario di estetica (Breviario de estética, 1920) e La letteratura italiana del Settecento (A literatura italiana do setecentos, 1949). Moitos dos seus escritos publicounos en La Critica, xornal fundado en 1903, que se converteu en 1944 en Quaderni della Critica.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pescasseroli -
Deceso
Lugar : Nápoles