Crono Motor
Publicación automobilística e deportiva aparecida en Vigo a partir de 1985 e subtitulada “Revista gallega del motor”. Editada e dirixida por Alfredo Bárcena, contou coa colaboración de Miguel Cumbraos, Manuel López Castrillón, Manuel San Luis, Javier Figueirido, Enrique Salgueiro e Sandy López. Á parte das seccións fixas “Editorial” “Noticias” “Ecos de la competición”, “Autocross” e “Karting”, nas que se informa brevemente sobre motores, competicións, produción das empresas do sector, etc, inclúe diversas reportaxes sobre os rallyes que se celebran en Galicia, como o de Ourense e o Rías Baixas; en España, como o de Catalunya, Santander e Sierra Morena; e no mundo, como os de Nova Zelanda, Portugal, Finlandia, Córsega e Grecia. Ademais, insire entrevistas a coñecidos pilotos e copilotos, como Luis Moya e M. Pestana, diversas novidades sobre o mundo do motor e artigos comparativos sobre coches de competición e vehículos novos incorporados ao mercado.