Cronos

Cronos
[MIT]

Fillo máis novo de Urano (o Ceo) e Xea (a Terra). Da raza dos titáns, pertence á primeira creación divina, precedente de Zeus e dos olímpicos. Vingou a súa nai cortándolle os testículos a Urano cun fouciño; logo, ocupou o lugar de seu pai no ceo e casou coa súa irmá, Rea. Como seus pais lle auguraran que sería destronado por un dos seus fillos, Cronos foi devorando os seus descendentes conforme nacían (Hestia, Deméter, Hera, Plutón e Posidón) ata que chegou un día que Rea, cansa de tanta morte, marchou a Creta e tivo a Zeus. Conta a lenda que, xa de mozo, Zeus lle fixo beber a seu pai unha droga pola que expulsou os fillos que devorara. Estes, seguidamente, declaráronlle a guerra a seu pai, quen, malia a axuda dos titáns, saíu derrotado. Na tradición relixiosa órfica aparece reconciliado co seu fillo Zeus e vivindo nas illas dos Benaventurados como o rei bo que reinou sobre o ceo e a terra, feito que conduciría ás lendas da Idade de Ouro. A asimilación tradicional do seu nome con cronos (do grego Kρόνος ‘tempo’) é tardía, e tense considerado a Cronos como o tempo personificado.