Crotone
Capital da provincia homónima, en Calabria, Italia (59.743 h [estim 1999]). Ten un porto comercial, principalmente de produtos agrícolas. Na súa industria destaca o sector químico. Colonia fundada polos gregos na Magna Grecia ao redor do 708 a C, converteuse na capital da rexión do Brutio despois de destruír a cidade de Sibaris (510 a C). Foi o lugar escollido por Pitágoras de Samos para establecer a súa escola filosófica, que exerceu unha notable influencia na política e na moral. Sufriu os ataques e saqueos de Agátocles, Pirro e Aníbal no s III a C e foi conquistada polos romanos no 277 a C. No ano 194 a C converteuse en colonia romana. Durante a Idade Media cambiou o seu nome polo de Cotrona, ata que en 1928 recuperou a antiga denominación.