1 cruceiro

1 cruceiro

(

  1. s m [ARTE]

    Cruz monumental de pedra cunha altura de entre tres e cinco metros que se sitúa sobre un fuste, liso ou decorado con figuras esculpidas, asentado sobre unha base en forma de bancada. Nos lugares onde están erixidos simbolizan o mesmo có sinal da cruz para as persoas: lembran a morte de Cristo e supoñen unha defensa contra o mal. Por iso están situados na entrada das aldeas e en lugares maléficos, entre outros, nas encrucilladas, montes e ribeiras do mar. En ocasións, nestes lugares maléficos onde a Cruz vence o Mal, os curandeiros expulsan as enfermidades provocadas polas bruxas. Ademais, no lugar onde houbo unha morte violenta, como un accidente de tráfico, acostúmase erixir unha pequena cruz e, nalgún caso, mesmo un cruceiro, para lembrarlles aos camiñantes que recen pola salvación do defunto. Non son construcións exclusivas de Galicia e, aínda que a miúdo se relacionan coas de Irlanda e Bretaña, existen ou existiron no resto de Europa. En España, onde reciben o nome de humilladeros ou cruces de término, destacan, polo seu número e pola súa monumentalidade, os de Catalunya e València. En Galicia consérvanse un gran número deles, entre outras razóns, pola cantidade de entidades de poboación existentes, feito que provocou que se erixisen miles de cruceiros para protexer as miles de aldeas. Por outra banda, ao estaren construídos en pedra e non en madeira non se destruíron; ademais, a relixiosidade tradicional mantívose co paso do tempo e non foron derrubados. Segundo Castelao, as cruces de madeira pintadas, protexidas por un telladiño, abundan, entre outros lugares, no Tirol, Romanía e Polonia. A pedra galega, dura e difícil de traballar, obrigou aos canteiros a esculpir representacións sinxelas.
    Historia e significado
    As primeiras representacións da cruz localízanse na Antigüidade e aparecen en diversas culturas dos cinco continentes, pero con diferentes significados. En Galicia e Europa débeselle a súa presenza e o seu significado ao cristianismo. Nas primeiras representacións da crucifixión non aparecía Cristo, pois na época romana morrer na cruz estaba asociado coa comisión dun delito, substituíase entón pola figura dun cordeiro xustaposto a unha cruz. A imaxe de Cristo apareceu por primeira vez no s VI, pero non se multiplicou o seu emprego en marfís, metais e manuscritos ata a época carolinxia. Os escritores medievais estableceron un forte vínculo entre a crucifixión e a caída no pecado orixinal. Aseguraban, entre outras cousas, que a cruz estaba feita coa árbore do Paraíso e que Adán estaba enterrado no mesmo lugar onde se crucificou a Cristo. A caveira que aparece nas crucifixións medievais, e tamén nos cruceiros, alude, non só ao Gólgota (‘o lugar da caveira’), senón que tamén representa a caveira do propio Adán. A imaxe da caveira ao pé da cruz apareceu por vez primeira no s IX. Unha serpe, ás veces cunha mazá na boca, próxima a ela é outra alusión á caída no pecado orixinal. Ás veces represéntase a Adán e Eva coa serpe no momento do primeiro pecado. Esta iconografía tenta reflectir a idea, evidentemente cristiá, de que Cristo morreu para limpar o pecado orixinal, para vencer a morte, que entrou no mundo co pecado de Adán e Eva, e para vencer a serpe antiga, o diaño. Na época medieval pensouse tamén que o sangue derramado por Cristo na cruz tiña forza redentora e que anunciaba o sacramento da Eucaristía, polo que a miúdo o sangue que saía da ferida de Cristo se recollía nun cáliz. Así sucede, entre outros, nos conservados en Lérez, Salcedo, Carballedo e Simes. Os exemplares máis antigos que perduran son góticos. A súa creación asóciase ao labor das ordes mendicantes, en especial a dos franciscanos. A proba máis antiga da súa existencia é un documento do arquivo da catedral de Lugo do ano 1215, no que se cita un cruceiro como referencia topográfica. O exemplar galego máis antigo é o de Melide (s XIV). Do s XV datan, entre outros, o do Home Santo, erixido en Bonaval, trasladado a Sabugueira (1878) e, posteriormente, á porta do Camiño en Santiago; o de Meixón Frío, destruído por un raio en 1870; o do cemiterio de Noia e o de Baiona. Aínda que hai exemplos tamén do s XVI, a maioría pertencen aos ss XVII e XVIII, séculos nos que se impuxeron as ideas xurdidas da Contrarreforma, en especial as relativas ao purgatorio e á redención das ánimas por medio das oracións dos vivos. Ata aquela data se erixían case exclusivamente nas cidades; dende entón, e da man das ordes mendicantes, multiplicouse a súa construción no campo.
    Composición
    Dístinguense, na súa estrutura, cinco elementos compositivos: a plataforma, o pedestal, o fuste, o capitel e a cruz. A plataforma componse dun ou varios chanzos de perpiaño. O pedestal ou base, situado sobre a plataforma, adoita ser case sempre de forma cúbica. Nel aparecen esculpidos diversos símbolos, como a caveira e a serpe, ou retablos de ánimas, e nunha das súas caras -na maioría dos casos na principal- figura unha inscrición na que se explica quén custeou a obra, a data da súa construción ou arranxo, os beneficios que se poden acadar por rezar diante del e, esporadicamente, o nome do autor. Algunhas destas inscricións confirman que en orixe foron policromados: entre outros, o de Xende conserva boa parte da pintura. Ás veces diante do pedestal sitúase unha mesa na que se pousaban os cadaleitos, camiño do cemiterio, para rezar un responso. O fuste, que recibe tamén os nomes de varal, vara e esteo, encaixa no cume da base e serve para erguer a cruz. Pode ser cilíndrico, pero adoita empregarse na maioría dos casos a sección octogonal, ás veces cos tercios inferior e superior cadrados. Moitos decóranse cunha representación do pecado orixinal, nos casos máis sinxelos aparece só o demo, indutor do pecado, representado por unha serpe, un lagarto ou unha píntega. Nas representacións máis complexas aparece a escena da tentación ou da expulsión do Paraíso coas imaxes de Eva, que colle a mazá da árbore ou a enceta; Adán, que olla o froito ou bota a man á gorxa como se lle quedase un bocado atragoado; e a serpe, que, en ocasións -como sucede no do Carril-, acada proporcións esaxeradas. Tamén no fuste poden esculpirse algúns dos símbolos da paixón de Cristo, como as tenaces, o martelo, a escada, a lanza, a columna á que foi atado, o hisopo co que lle achegaron o vinagre e o galo da negación de Pedro. A miúdo hai no varal a imaxe dun santiño; entre os máis frecuentes atópanse san Francisco, santo Antonio de Lisboa, san Bieito, san Lourenzo, san Xosé, santo Andrés, Santiago e santa Ana. O capitel, incrustado nun espigo do fuste, faille de sustento á cruz e segue os modelos clásicos con volutas e elementos vexetais. Trátase dun elemento habitual nos exemplares galegos e raro nos bretóns. Na península do Barbanza, dende Rianxo ata Noia, existen os denominados cruceiros de capeliña ou de Loreto, nos que o fuste é máis groso e o capitel se susbtitúe por un cubículo ou capeliña que alberga unha imaxe da Virxe de Loreto, intercesora contra piratas e ladróns, pois foi unha zona que padeceu frecuentes saqueos nos ss XVI e XVII. Na cruz, o elemento máis importante e significativo, distínguense o anverso e o reverso. No anverso aparece, agás excepcións, Cristo crucificado, polo xeral só, aínda que ás veces aparecen tamén ao seu pé, na parte superior do capitel, a Virxe María, san Xoán ou as Tres Marías. Cristo adoita ter a cabeza inclinada cara á dereita, pero tamén cara ao lado esquerdo ou cara a diante, ás veces un anxo ou san Francisco abrázano polo van ou recollen o seu sangue nun cáliz. Nas crucifixións medievais sitúase sobre a cruz un sol e unha lúa, que representan as dúas naturezas de Cristo: a divina, que brilla con luz propia, e a humana, que brilla con luz reflectida. En Galicia, ao contrario do que sucede en Bretaña, son excepcionais as representacións escénicas da Paixón, entre elas destacan as do Hío e a de Noia. No reverso, a representación máis habitual é a da Virxe, ben no ciclo gozoso, ben no doloroso. No primeiro caso aparece como raíña dos ceos, coroada polos anxos, ou como Virxe do Socorro, pelexando co demo pola posesión das ánimas. No ciclo doloroso amósase o sufrimento de María pola morte do seu fillo. Como Virxe Dolorosa ou das Angustias leva chantados sete coitelos ou espadas, que simbolizan as sete dores que padeceu desde a profecía de Simeón ata o enterro de Cristo. Nas piedades, iconografía xurdida en Bizancio (s XII) e que pasou a Occidente (s XIII), a Virxe recolle no seu colo o corpo de Cristo morto, unha vez baixado da cruz. Cristo amosa un aspecto infantil para subliñar que un fillo sempre é un neno para súa nai. Estas piedades, para adaptárense mellor á cruz e distribuír mellor os pesos, soen ter forma romboidal, de xeito que a nai ocupa o eixe vertical e Cristo, o horizontal.

  2. [ARQUIT]
    1. s m

      Espacio no que se cruzan as naves central e transversal dunha igrexa. A nave transversal ten que ter a mesma altura e anchura ca a central para formar un cadrado perfecto.

      Ex: O botafumeiro atravesa o cruceiro da catedral de Santiago de Compostela nas ocasións especiais.

    2. s m

      Nave transversal dunha igrexa perpendicular á nave central ou maior.

    3. arco de cruceiro

      arco de cruceiro.

    4. patio de cruceiro

      Patio musulmán dividido en catro partes por medio de dous paseadores altos que se cruzan de xeito transversal. Esta tipoloxía aparece no Patio de los Leones da Alhambra de Granada.

  3. s m [ECON]

    Unidade monetaria brasileira dividida en 100 centavos. Estivo en vigor nos períodos: 1942-1967, 1970-1986 e 1990-1993.

Palabras veciñas

3 cru crúa | 1 cru* | crubela | 1 cruceiro | 2 cruceiro | Cruceiro | Cruceiro da Armada