Cruces, Santa María de

Cruces, Santa María de

Igrexa situada en Padrón. Foi parroquia ata que esta función recaeu no santuario da Nosa Señora da Escravitude. Conserva unha ábsida románica de finais do s XII, de planta rectangular e cuberta cunha bóveda de canón apuntada reforzada por un arco faixón da mesma directriz. Os capiteis das columnas nas que se apoian presentan follas sen apenas relevo, moi esquemáticas e rematadas en bólas. O arco triunfal é dobrado, a rosca exterior apóiase sobre os muros, mentres que a menor se asenta sobre un par de columnas entregadas de fustes curtos, bases áticas e capiteis con decoración vexetal. O do lado norte decórase cuns entrelazos anchos e moi pegados á cesta, rematados en pomas nos vértices. O capitel meridional amosa un rexistro de follas nervadas co eixe perlado e con turxescentes volutas na parte superior, e o cimacio decórase con palmetas. No exterior da ábsida destaca unha estreita ventá rematada por un arco de medio punto moldurado e asentado sobre columnas con bases áticas e capiteis vexetais desgastados. Os beirís están sostidos por canzorros, algúns con representación de cabezas de animais, e os do lado sur da nave son xeométricos, aínda que algún presenta cabezas humanas.