Crusafont i Pairó, Miquel
Paleontólogo e teórico da evolución. Logo de licenciarse en Farmacia, iniciou a partir de 1933 unha intensa colaboración con Fernández de Villalta, que o levou a prospectar numerosos xacementos do Mioceno do Vallés-Penedés; froito deses traballos foi a revisión da estratigrafía empregada tradicionalmente e a introdución dos termos Vallesiano e Turoliano para referirse a dous pisos diferentes do Terciario. En 1952 publicou a súa tese de doutoramento, Los jiráfidos fósiles en España, que lle valeu o recoñecemento internacional, polo que entre 1952 e 1958 organizou os Cursillos Internacionales de Paleontología de Sabadell. Foi catedrático de Paleontoloxía nas universidades de Oviedo (1961) e Barcelona (1963-1972). En 1969 fundou o Instituto Provincial de Paleontología (despois Institut Paleontològic “M. Crusafont”), que dirixiu ata 1983. Paralelamente ás súas contribucións ao estudo dos mamíferos fósiles, dende 1948 realizou unha intensa tarefa de investigación e divulgación da teoría evolucionista dende unha interpretación finalista do fenómeno vital e da hominización, na mesma liña ca o padre Teilhard de Chardin. En relación ao seu interese polo tema da evolución están os seus intentos de valoración cuantitativa do cambio evolutivo. Fundou Paleontologia i Evoluciò e colaborou en numerosas revistas nacionais e internacionais. Escribiu dous capítulos do Traité de Paléontologie (Tratado de paleontoloxía, 1961), de J. Piveteau, e un dos volumes do Fossilium Catalogus (Catálogo de fósiles, 1973), de F. Westphal. Coordinou, xunto con Aguirre e Meléndez, La Evolución (1966), obra que repercutiu no desenvolvemento do evolucionismo finalista. Publicou, entre outras obras, Evolución y ascensión (1960), Origen, evolución y singularidad del hombre (1965), El fenómeno vital (1967) e El proceso de la antropogénesis en la problemática teilhardiana (1968).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Sabadell -
Deceso