Cruyff, Johan Endrik

Cruyff, Johan Endrik

Futbolista. Considerado como un dos mellores xogadores da historia, formouse no Ajax de Amsterdam, no que ingresou aos 10 anos. Debutou no primeiro equipo en novembro de 1964. Co Ajax, ademais de 8 títulos de Liga, gañou a Copa de Europa de clubs campións de liga en 1971, 1972 e 1973, e a Copa Intercontinental en 1972. En outubro de 1973 fichou polo FC Barcelona, co que se converteu en campión de liga na tempada 1973-1974. En 1978 marchou a EE UU, onde xogou en Los Angeles Aztecas e nos Washington Diplomats. En 1981 regresou á liga española para xogar na Segunda División co Levante. Despois volveu aos Países Baixos para xogar co Ajax (1982-1983) e co Feyenoord de Rotterdam, co que conseguiu a Copa e a liga (1983-1984). Como integrante da selección holandesa, na que xogou 48 partidos e da que foi capitán, proclamouse subcampión dos Mundiais de Alemaña 1974 e Arxentina 1978. En 1985 accedeu a adestrar o Ajax, que conquistou a Copa de Holanda e a Recopa de Europa. Entre 1988 e 1996 adestrou o FC Barcelona, co que conseguiu, entre outros títulos, unha Copa de Europa (1992), catro campionatos de liga (1991, 1992, 1993 e 1994), unha Recopa de Europa (1989) e unha Supercopa de Europa (1993). Foi proclamado o mellor xogador europeo en 1971, 1973 e 1974. Tras retirarse da actividade deportiva fundou un centro de estudos de posgrao especializado en administración de empresas deportivas, que dende o curso 1999-2000 ten unha sede en Vigo. O seu fillo Jordi Cruyff (Barcelona 9.2.1974) xogou no Real Club Celta de Vigo na tempada 1998-1999, cedido polo Manchester United.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Amsterdam

  • Falecemento

    Lugar : Barcelona