Cuadernos del Camino de Santiago
Publicación editada en Santiago de Compostela a partir de abril de 1993 polos grupos PROGRESA e PRODELCA SL e promovida polo Consorcio de Santiago. Cesou a súa edición en abril de 1995. Dirixida por Emilio González Navarro, contaba cun consello asesor formado por Javier Angulo, Vicente Araguas, Roberto Blanco, Vicente Cebrián, I. Díaz Pardo, Margarita Ledo, Marisa Blanco e X. Antonio Perozo. Ao longo dos seus oito números colaboraron, entre outros, Juan Arias, Luis Carandell, M. Vázquez Montalbán, Enrique Franco, Xosé Hermida, Jordi Solé Tura, Rafael Terra, Luis Rei Núñez, Paolo Cauci, Emma Sueiro, Carlos Ayala e Darío Villanueva. Dividida nas seccións “Opinión”, “Entrevista”, “Reportajes”, “Arte”, “Ruta” e “Agenda”, centrouse no Camiño de Santiago, incluíu diversas reportaxes, como as tituladas “Una convocatoria universal”, de Manuel Fraga e “El viejo Camino de Santiago”, de Torrente Ballester, á parte de numerosas entrevistas como as concedidas por Xerardo Estévez, alcalde de Santiago de Compostela, o escultor Eduardo Chillida e o presidente da Real Fábrica de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. Destacan tamén os artigos relacionados coa arte románica ao longo do Camiño, co Pórtico da Gloria, co botafumeiro e coas vilas e cidades que atravesan os peregrinos.